O cambio climático, con toda a polémica que xera, é unha evidencia. Eu hai tempo que falo dun exemplo persoal que fun apreciando ao longo da miña vida. Estou por riba dos 50 anos e ata que finaron os meus avós iamos sempre pasar determinadas datas do ano á nosa aldea de Niñodaguia en Xunqueira de Espadanedo (Ourense). Alí, cando era un cativo, ata os 15 aproximadamente e na época do Nadal caía cada nevada que chegaba a levantar un metro sobre o chan. Case que non se podían abrir as portas da cantidade de neve que había. Ese frío era marabilloso para a terra, limpaba o ambiente, era rexenerador e axudaba a que as carnes da matanza fosen ben curadas. Fixen os bonecos de neve máis grandes da miña vida, diante da casa, e de tan espectaculares que eran, paraban os coches que ían camiño de Manzaneda para facerlles fotos ou facerse fotos con eles. A neve era todos os anos, e non só unha vez, senón varias. Co paso do tempo foi deixando de nevar con esa frecuencia e foi subindo a cotas máis altas, concretamente á Cabeza da Meda, de 1000 m. de altitude. Alí víase como anos antes abaixo, pero pouco a pouco as folerpas seguiron ascendendo ata caer só na serra de San Mamede, que está máis ou menos ao nivel de Cabeza de Manzaneda, onde hoxe apenas neva. Polo tanto, ese é o meu persoal e real exemplo da derivación climática que a algúns ten felices e a moitos tenos preocupados. Agora adóitase dicir que o tempo está tolo, mais na realidade os tolos somos nós por non saber entender o que a natureza nos está indicando dramaticamente. En Galicia ben podemos apreciar a desorde climática, e por iso deberiamos de concienciarnos do que iso significa para poder comezar a reverter determinadas actitudes que, sen dúbida, axudarían a mellorar.