Inmortais

Inma López Silva
Inma López Silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

26 nov 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Como persoa dedicada á literatura, e por tanto dona dun bo ego, quedei enganchada do entusiasmo do científico José Luís Cordeiro cando dixo que a morte é só un problema técnico e transmitiu en palabras a súa paixón polo momento fermoso que, segundo el, experimentamos quen estamos vivas neste intre: a convivencia da última xeración mortal coa primeira inmortal. Non é un argumento de Asimov, senón a ilusión dun científico que confía na razón para controlar a vida. E eu, que son toda cerebro mesmo para as máis básicas emocións, fascineime con esa idea, colocándome como representante da primeira xeración de mulleres inmortais.

A non ser que me maten.

É o que ten ser muller. Xa gozábamos da dignidade que dá pertencer á metade biolóxica que ten máis esperanza de vida, pero nunca nos víramos neste fermoso soño de inmortalidade no que rematar a nosa revolución, mudar o mundo, escribir todas as palabras que non se escribiron ata agora con esta perspectiva de vida eterna.

A non ser que nos maten.

Porque Cordeiro non especificou se a inmortalidade ía ter distribución de xénero, cousa da que, visto como se fai todo (salarios, reparto de poder), case me aledo. Se non é para toda a humanidade, ás mulleres vai tocarnos a peor parte: eles inmortais, e nós, segundo. Ningunha terá garantida a vida eterna mentres a ciencia non dea coa cura para a vontade masculina de matar mulleres.

En realidade, non pedimos tanto como ofrece ese soño do doutor Cordeiro que ben sabemos polo conto da morte no saco que, no fondo, chega o momento no que agradecemos o final. Non fai falla curar a morte, só que nos dea tempo de ser felices. E que ás mulleres non nos maten por iso.