Nos quioscos da miña infancia mandaba El Caso, semanario que empezou a editarse en 1952 e, en dúas etapas, se mantivo ata 1997. Nos seus mellores momentos chegou distribuír 100.000 exemplares, tiraxe certamente espectacular para a época. O seu principal alimento informativo eran os sucesos, moi principalmente os crimes, e entre os crimes os chamados ¡crimes de honor! Os tribunais consideraban con moita benevolencia todo o que tivese que ver cos ciúmes, a chamada deshonra, a infidelidade, o adulterio, etcétera, sempre que a culpable (real ou aparente) fose a muller. O home era outra cousa. A infidelidade, o engano, a promiscuidade formaban parte da natureza do varón. Case sempre detrás estaba a cuestión sexual: repito, de xeito real ou aparente.
En 1961 tivo moitísimo éxito unha película protagonizada por Marcelo Mastroiani e Stefania Sandrelli (Divorzio all’italiana) que se apoiaba argumentalmente neste tipo de situacións: o señorón casado namora dunha mociña (a sobriña) e decide eliminar a súa muller, menos agraciada fisicamente, matándoa, logo de forzala a cometer adulterio (ou que parecese que o cometía). O crime de honor, apenas castigado nos tribunais italianos, semellaba unha boa estratexia. Á xente facíanlle graza estas cousas.
O semanario do que falo alimentábase desta clase de sucesos. Considerábanse normais, ou cando menos naturais, entre a poboación lectora. Mudaron os tempos. Afortunadamente, a muller do século XXI non é a muller dos anos cincuenta do século pasado. Debo pensar que a mentalidade masculina tampouco. Nembargantes, velaí a crónica terrible, estarrecedora, escandalosa, aldraxante do asasinato de mulleres na nosa sociedade teoricamente avanzada, incorporada á Europa desenvolvida dos novos tempos. ¡Corenta e cinco crimes no que vai de ano! E non só na nosa realidade próxima. Nesa mesma Europa desenvolvida os índices de maltrato, abuso, humillación e mortes violentas (feminicidio) non amosan cifras moi por debaixo das nosas.
Non hai que chegar ás mortes. Abonda ás veces un ademán, mesmo unha simple mirada. O principio está na humillación, no desprezo, na degradación, na concepción e utilización da muller (esposa, noiva, compañeira) coma un obxecto, propiedade privada á que o macho ten dereito por condición natural. Ao final, a cuestión de fondo está no poder: no exercicio do poder. Segundo a muller veu ocupando posicións de igualdade na sociedade democrática, proceso histórico irreversible, ese macho tradicional foi desestabilizándose, abaixando a propia estima, e, na súa impotencia ou incapacidade, reacciona violentamente. «Mateina porque era miña». ¿Quen o dixo? Eu, o señor do serrallo, que considera que segue podendo dispoñer do material a vontade, incapaz de decatarse de que o serrallo hai tempo que xa no existe.