Desde fóra

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

Grazas, Mar. Moitísimas grazas. Non sei quen es nin se che chegará este agradecemento que che fago. Pero teño unha débeda inmensa contigo. Eu e moitos galegos. Vostedes non saben quen é Mar? Mar Fernández? Cóntollo eu, que non teño o pracer de coñecela. Mar é unha muller andaluza, que viviu en Galicia case dous anos de maneira intermitente e agora leva outro ano pola nosa terra. Amais diso, sei que usa a rede social Twitter, e nela contou a súa experiencia como andaluza co galego.

Resúmollo: Hai un ano que obtivo o Celga 4. Xa? Pois si. Ou sexa... non é imposible comprender á perfección o noso idioma... Pero o máis importante é a cantidade de veces que atopou problemas para ser atendida en castelán: 0. Incontables casos foron no caso de galego. Cantidade de veces que as súas visitas non-galegas tiveron problemas para entender galego: 0. De novo foron innumerables as que oíu aos galegos dicir que non entenden a lingua nai. Veces que lle esixiron falar galego: nulo tamén. E castelán? Incontables, comezando polas normas do seu traballo.

E con todo isto, Mar pasa os días xustificando por que fala galego, sentindo mágoa porque os fillos dos seus amigos perden o idioma propio e a identidade.

Grazas, Mar. Porque ti non es galega, e sempre se valora máis o que din os de «fóra da casa» (é un falar, porque eu síntote familia). Agradézocho porque co teu testemuño fas máis veraz o meu, que vén dicir practicamente o mesmo. Pero como son de aquí... non conta. Agora, quen sabe, igual me cren.