As árbores son boas. Sobre os lumes nos montes galegos actuamos con criterios do pasado e con moito temor a recoñecer as verdades. Seguimos a considerar inxenuamente que as árbores son boas por si mesmas e cantas máis mellor. Vistos os resultados é un absurdo que non hai quen poña en cuestión. A idea procede do tempo dos procesos de repoboación forzados da época da autarquía, defendido con criterios técnicos e forestais de entón, ao servizo da autosuficiencia, como o mellor destino para uns montes que até entón tiñan usos agrarios e gandeiros. Aquela idea reforzouse cunha conciencia ambiental urbana máis recentemente fundada, que identifica os bosques con pulmóns contra a contaminación. Todos os escolares estudaron e estudan tal cousa sen consideracións críticas que relacionen ese principio coa realidade da contorna, a situación do presente ou as razóns históricas da substitución dos usos agrogandeiros que lles daban seus avós polos forestais nos últimos anos. As árbores son boas pero non todas, nin en todas partes, nin como uso exclusivo do territorio, tal como vén acontecendo cunha inercia que debe pararse de contado.
O monte pode manterse limpo. De tanto repetilo todos acabamos por pensar que é posible. Foino e está na memoria dos vellos pero xa non o é en absoluto. É o segundo atavismo. Alguén debera calcular os custos, mesmo as posibilidades de facelo nos dous millóns de hectáreas de monte que pode haber en Galicia, das que case tres cuartas partes son arboradas. Nin Xunta, nin moito menos Goberno central, nin concellos, comunidades de montes, propietarios privados, nin empresas poden entre todos garantir a limpeza do monte no seu conxunto. A idea do monte limpo e sen biomasa, sen toxos, xestas, codesos, uces, carqueixas ou fentos resulta en si mesma un imposible nas condicións de envellecemento, ocupación, uso do solo e abandono do noso medio rural. Nin o presidente da Xunta sabe onde ten e que hai nos montes que herdou.
O lume pode combaterse cos medios axeitados. Este é o erro: recente e contumaz. Unha afirmación contraempírica que a realidade dos grandes incendios forestais que empezaron no ano 2006 en Galicia non para de desmentir de forma reiterada dende entón. Só a fortuna e a chegada da choiva ao segundo día da última vaga de lumes impediron que as catro mortes que lamentamos fosen moitas máis.
Ao lado temos a dramática experiencia portuguesa e pouco máis lonxe a catalá de hai uns anos. As imaxes que viramos moitas veces en Canadá, California e Australia xa están aquí. O primeiro paso para reaccionar é recoñecer a realidade sen atavismos do pasado nin erros do presente. Un pouco de valentía é necesaria para comezar a actuar na dirección axeitada. Sobran árbores.
Insístese en que na Mariña o monte non arde porque o coidamos. Tamén sabemos onde está. Tamén hai moita máis humidade que no resto do país. Pero sobre todo, e iso é algo que non se di tanto, porque o monte arborado repártese con prados e cultivos de explotacións agrogandeiras que son o mellor cortalumes. Tampouco arde o monte no centro de Galicia, de Vilalba a Lalín e de Ordes a Chantada, pola mesma razón. Non con esa continuidade devastadora e imparable que vimos de ver.