Lembranzas de barrio

Bieito Romero
Bieito Romero O SON DO AR

OPINIÓN

14 nov 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Nacín na cidade da Coruña, no hospital materno infantil, en outubro do ano 1964. Os meus primeiros anos de berce paseinos na rúa González del Villar, barrio da Sagrada Familia, onde tiveron piso meus pais ao chegar dende Ourense. Non moi lonxe, a miña tía Carme, irmá maior do meu pai, abriu o Bar Esgos na Ronda de Nelle, unha referencia para os poucos ourensáns que había na Coruña,  punto de encontro dos afiadores, lugar de conversas, de xantares abondosos e referencia tamén do deportivismo, porque alí paraban xogadores como Rubiñán, Amancio ou Cortés. Pero volvendo ao meu conto, os primeiros pasos deinos no barrio da Agra do Orzán, en concreto na rúa Gramela, entre a Praza do Comercio e a das Conchiñas, case que fronte daquel vello muíño de vento que un bo día desapareceu e non se volveu saber del. Lembro aquelas rúas sen asfaltar, con poucos coches e moita vida, e de escribir o meu nome no cemento fresco cando fixeron o propio (alí segue). Tempos bonitos aqueles nos que xogabamos a practicamente todo no ar libre, dende a buxaina ás diferentes variantes de xogos con bólas, á tranca (unha especie de chave), ao che, ao fútbol ou a calquera cousa. Eran tempos de interacción humana, de creatividade e de emocionarse coas pequenas cousas que, nós, viamos como inmensas.  Lembro con nostalxia aquelas tendas de barrio, próximas e familiares nas que se podía mercar calquera cousa e nas que conversar era o normal. Tamén daqueles vendedores ambulantes de churros que viñan todos os domingos e que chamabas dende a fiestra, igual que ao butano. Hoxe todo mudou tanto que, cando paso por alí e lembro, éntrame un ar de nostalxia co que me dá a sensación de que todo o vivido foi un soño.