O congreso dos solitarios

Diego Ameixeiras PENSAMENTOS IMPERFECTOS PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

06 nov 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

A soidade é o andazo do século XXI, pero preferimos mirar para outro lado cando nos advirten de que máis da terceira parte das vivendas, nas grandes capitais occidentais, están ocupadas por unha soa persoa. Non hai grandes debates os sábados pola noite sobre a cuestión solitaria: enlamados no furor da hiperconectividade, a ninguén lle apetece falar da soidade como problema, ese incidente que nos golpea cando nos sentimos illados en contra das nosas intencións. Hai que ser ben prosma para sacar o tema na apoteose do selfie denigrante. Pero esa impresión de abandono que experimentamos adoito, aínda que nunca queiramos amentala en público, planea sobre a nosa existencia dende que un estraño nos denega o cordón umbilical. O xornalista John Williams, mentres redactaba o seu Viaje al sueño americano, chegou a Nova York seguíndolle a pista a Joseph Koenig. O que atopou foi unha sombra que lle dixo: «Dedicarse a escribir equivale a levar unha vida miserable, unha vida de soidade incrible, de dor e miseria».

En Escribir, tan solos, Carlos Skliar interpreta o asunto da soidade a través dos grandes nomes da literatura universal. Ocorre que aos escritores, como a tantos outros solitarios forzosos, non lles queda outra que estaren sós para atanguer a súa plenitude. Poden atopar o paraíso ou o abismo, pero con algo se cruzan no silencio da madrugada. Tampouco falamos moito desa soidade exultante que nos concede os episodios máis emocionantes das nosas vidas sen saírmos do sofá. E se o facemos, aireamos un ton condescendente cos solitarios premeditados, coma se o seu transo vital tivese que ser sempre a antesala da parella, ou algo peor. Deberiamos abrir o debate da soidade, coa súa frondosa polisemia, en todas as sobremesas do mundo. Nas eleccións xerais de 2004, o Partido del Mutuo Apoyo Romántico mereceu 1.500 votos. Pero aínda non temos noticia dunha unión orgullosa de anacoretas, que de certo atinxiría resultados máis dignos. Convén lembrar a canción de Jaume Sisa: «Ven ao congreso dos solitarios, ven só ou acompañado, e esqueceremos o abecedario do desconsolo sen chorar».