Xuntos en Bonaval

Víctor F. Freixanes
Víctor F. Freixanes VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

05 nov 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

O Museo do Pobo Galego cumpriu 40 anos, e alí estábamos os seus colaboradores e amigos, para celebralo. Unha xornada especial. Dous días despois, voltamos ás instalacións do vello convento de San Domingos nunha visita máis tranquila, sen apreturas. Os museos hai que velos así, con tempo para a contemplación (e a información), e co espírito e a intelixencia abertos, coma esponxas. Había unha ringleira de mociños e mociñas a curiosear nas salas tradicionais, e irremediablemente eu lembrei (outra vez) a miña infancia pontevedresa. Xa sei que pode parecer un disparate, pero con dez ou once anos, nós, os rapaciños do barrio do Lérez, xogabamos ás quedas e ás escondidas nas profundidades da vella casa dos Monteagudo, fronte da praza da Leña, pazo vilego que agochaba tesouros misteriosos, espazos case labirínticos, como a cámara da fragata Numancia, do almirante Méndez Núñez, ou os fondos escuros dos santos mariñeiros, a figura de San Telmo coa carabela, os tesouros de Caldas e Agolada, o «ouro dos castros», do que nos falaba Filgueira Valverde.

 

Os rapaciños e rapaciñas que o outro dia visitaban o Museo do Pobo Galego, en Compostela, non xogaban ás quedas. Entraban nas salas con moito silencio e respecto, case que con atención relixiosa; paraban diante das antigas embarcacións, aparellos de pesca, os labores do campo (que os máis deles nunca coñeceron), o chifre do afiador, a máquina de coser doméstica, o carro do país.., falaban en voz baixa, como para non despertar os misterios, e ficaban abraiados ao pé da escaleira barroca do mestre de Andrade, unha das grandes marabillas da casa. A nosa fascinación pontevedresa era a reproducción da cámara da Numancia. Aínda estabamos lonxe de Castelao…

Os museos teñen polo menos dúas caras: a que se ve, que amosa as mellores galas, para impresionar, e a que non se ve: documentos, libros, cartas, mapas, gravados, fotografías, testemuños sonoros e audiovisuais… No antigo convento de San Domingos de Bonaval, que xunto co Panteón de Galegos Ilustres e o Centro de Arte Contemporánea, forman un triángulo perfecto na antiga entrada do Camiño Francés a Compostela, están as grandes galas da Galicia histórica, referentes de todos nós, unha ollada cara ao pasado e outra cara ao futuro, proposta obrigada de carácter didáctico para as novas xeracións, ilustrativa para todos os que nos visitan, fondo histórico para estudosos e investigadores.

No caso do Museo do Pobo Galego hai unha terceira dimensión que me parece importante: a participación social, anónima unhas veces, declarada outras, con achegas de todo tipo: non só obxectos e documentos, senón voluntariado xeneroso, e mesmo aportacións económicas (aínda que sexan pequenas) procedentes, ademais de institucións públicas, de empresas privadas e de particulares, esa Galicia civil da que tanto necesitamos.