Precariedade non é futuro

Manuel Lago
Manuel Lago TRIBUNA ABIERTA

OPINIÓN

04 nov 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Das persoas que teñen emprego, a fórmula de precariedade máis común é a contratación temporal: estar sometido a un contrato con data de finalización que xera incertidume, medo e falta de estabilidade, sempre baixo a ameaza da non renovación. En Galicia son 238.500 as persoas asalariadas así, o que supón unha taxa de temporalidade do 28,1%.

Son precarias as 122.300 persoas que traballan a tempo parcial, en especial porque a inmensa maioría delas queren traballar a tempo completo pero non poden e téñense que resignar a empregos reducidos con salarios reducidos.

Tamén son precarias as 11.600 persoas que traballan como fixas/descontinuas, porque teñen un contrato indefinido pero só traballan unha parte do ano, fundamentalmente en actividades da conserva e da hostalaría. Pero a peor precariedade é a que sofren as persoas que están en desemprego. En Galicia, a pesares dos discursos triunfalistas, segue habendo 181.700 persoas desempregadas.

Esta é a cartografía da precariedade: os que teñen un contrato temporal, os que traballan a tempo parcial, os fixos descontinuos, os que rotan entre o paro e o traballo precario. Cando se suman o resultado é demoledor: a metade dos asalariados galegos -máis se son mulleres- son precarios, sometidos ben a unha taxa de temporalidade (o 28%), de parcialidade (o 16%) ou de paro (o 15%).

O peor é que esta non é unha situación transitoria, porque o contrato temporal, o tempo parcial e o desemprego están cronificados na sociedade galega dende fai décadas. Son unha pandemia social.

Condicións de traballo precarias que se trasladan a salarios baixos, que converten a quen os recibe en traballadores pobres. Segundo a Axencia Tributaria, do millón de asalariados que houbo en Galicia en 2015 o 45 % ingresaron menos de 972€ brutos ao mes. Dentro deste grupo hai máis de 300.000 persoas que no 2015 tiveron ingresos por baixo do salario mínimo, menos de 648 € brutos ao mes. Son os traballadores pobres.

Este é o modelo laboral que se esta consolidando en Galicia e no Estado: un mercado de traballo segmentado que condena a precariedade a metade dos asalariados, especialmente as persoas mais novas. Un modelo inaceptable dende a perspectiva social pero tamén dende a económica porque con traballo precario e baixos salarios non se pode ter unha estrutura económica competitiva e un estado do benestar merecedor dese nome.