Pel de Chile

Luís G. Tosar
Luís González Tosar ENTRE LIÑAS

OPINIÓN

30 oct 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Edmundo Moure, con quen partillo a honra de sermos fillos da América galega, cordilleira dos Andes de por medio, convidoume, en agosto de 1998, a impartir un breve e intenso curso de literatura galega para o alumnado do Programa de Estudos Galegos da Universidad de Santiago de Chile. E alá fun con ansia, no maxín e na valixa, tras as pegadas austrais de tres ourensaos (o capitalino Eduardo Blanco-Amor, o pearense Rodolfo Prada e mailo merquense Manuel Celso Garrido), tamén dun sadense (Ramón Suárez Picallo). Nunca estivera «en la tierra que va de Punta Arenas a Arica, en inevitable línea recta, con todos los cacheos laterales posibles», como a define en Chile a la vista Blanco-Amor. Libro da Editorial del Pacífico co que me fixen daquela. Merquei de vello a segunda (1952) e a terceira (1957) edicións, a primeira (1951) deuma Hernán Ortega Parada, escritor entendido en viños que me descubriu o syrah e axudou a non confundir carménère con merlot. Moure prepararía a reedición da magnífica guía paisaxística e sentimental de Chile, publicada por Galaxia no 2003. A outra angueira era Celso Garrido, mestre republicano e galeguista ó que prenderon no 36. Mandárono á fronte de Asturias coas tropas de Franco e despois da guerra exiliouse na Arxentina e logo en Chile, onde pasou de columnista do xornal La Hora a panadeiro. Destacado membro da Irmandade Galega, suicidouse en 1961. Coñecín á súa filla Aurora, Ruliña, que me contou moitas cousas do autor de Saudades, único poemario seu en galego. En canto a Rodolfo Prada (a quen lle debo amar Galicia sen coñecela), aproveitei aqueles días en Santiago del Nuevo Extremo (así lle puxo Valdivia en 1541) para dar co seu fillo, Alberto. Localiceino pola guía telefónica. Fixémonos amigos. Visitáronme il e a súa dona en 1999, estivemos en Compostela, Ourense e Baiona. Era todo un cabaleiro, elegante e cortés, vivira de preto, nas décadas dos 30 e 40, a intensa actividade política e cultural de seu pai, piar do galeguismo en América, home de confianza de Castelao. Relación que xerou un interesante epistolario. O 3 de novembro, 37.º cabodano do pasamento de don Rodolfo, homenaxearémolo nos Peares, onde naceu hai 125 anos. Os Prada seguen en Chile, pero súa neta, Soledad, estará alí con Constanza, bisneta.