Aquí os gordechos

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

Non, Inés, non. Así non. Creo que sempre utilizas un ton respectuoso nas túas declaracións. Pero ás veces, o ton agradable non é suficiente para que as palabras que un di non firan ao de enfronte. Os galegos levamos anos con inxustas etiquetaxes ao lombo. Paletos é o primeiro, aínda que non apareza sequera no noso propio dicionario. Poden engadirlle moitos máis. Todos queren imitar o noso acento, e rir del, coma se fose distinto ao catalán, do que ninguén fai unha brincadeira, o andaluz ou o madrileño. Porque acento, temos todos. Non sei o motivo polo que o máis desprestixiado resulta o noso, precisamente. O caso é que non quero que agora me chamen tamén gordecha. Porque ademais, é un tema moi delicado. Non debemos tomar á lixeira o tema do peso, con toda a presión que xa exerce a sociedade para que as nosas medidas entren nunhas esixencias ridículas. Ben sei que foi un exemplo coma outro calquera, señora Arrimadas, pero desacertado por completo. Busque sempre unha discriminación positiva. Non sei, diga que sen Galicia non teriamos a maior produción de castaña ou lubina. Que é un mellor xeito de falar de comida, non cre? Porque en materia prima non andamos coxos! Non máis etiquetas pexorativas, que xa nos sobran, créanme. Tamén pode falar do exemplo de solidariedade que, como sociedade, damos unha e outra vez, desgraza tras desgraza, aínda que eu porfíe en que esa non pode ser a solución dos problemas. Aquí, os gordiños, somos tan sensibles e respectables coma os demais.