O día en que mataron a Kennedy

Víctor F. Freixanes
Víctor F. Freixanes VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

29 oct 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Tiña eu doce anos. Foi o 22 de novembro de 1963. Vai máis de medio século dende entón. O presidente Trump vén de anunciar a desclasificación dos documentos da investigación, das varias investigacións que se promoveron arredor do asasinato. Lembro perfectamente cando meu pai me mandou polo xornal, que metían cada mañá por debaixo da porta, e lembro sobre todo as grandes letras vermellas a encher a primeira plana: Kennedy asasinado. Logo veu o asasinato de Oswald a mans de Jack Ruby, un gánster local que morrería en presidio tres anos despois, cando agardaba un novo xuizo para ver de clarexar a súa participación no proceso. As teorías da conspiración enlearon un xigantesco sarillo de especulacións e sospeitas que aínda non está resolto e que se cadra endexamais se despexará. Materia de novelistas e produtores cinematográficos. Pero eu lembro exactamente onde estaba aquel día: apañando o xornal que entraba por debaixo da porta, coas grandes letras vermellas. A memoria das persoas constrúese sobre estampas que, tal que marcos de referencia, fotogramas fixos, van construíndo o noso relato vital. Igualmente lembro a primeira pegada de Armstrong na lúa, aquel día de verán do ano 1969. Estaba eu na Coruña, na casa dos meus tíos. Botamos unha chea de tempo diante do televisor, que retransmitía en branco e negro. Outro acontecemento que deu pé a unha chea de teorías conspiratorias. Podo levantar máis referencias. A morte de Franco, por exemplo, con música clásica nas emisoras de radio en sinal de loito pola morte do ditador. Ou o atentado contra Carrero Blanco, dous anos antes, que me pillou en Madrid, traballando xa no xornalismo. Quixen pasar a crónica e as instrucións no periódico foron contundentes: «O que haxa que dicir xa o dirá a axencia Efe. Aquí non publicamos nada que non sexa a versión oficial». Ao final, as referencias acaban sendo case que unha crónica de sucesos. O intento de golpe de estado do tenente coronel Tejero, por exemplo. ¿Quen non lembra aquela noite, pegado ao transistor, cos amigos chamando dende Washington para saber de nós e algúns compañeiros cruzando a Portugal, polo que puidese pasar? Ou atentado contra as Torres Xemelgas en Manhattan, outro fotograma que conmociona. ¿Onde estaba vostede o día en que o Parlamento de Cataluña proclamou unilateralmente a independencia da nación catalana? Debo recoñecer que acabo de incorporar estoutra estampa á miña biografía persoal, igual de impactante que as anteriores, polo menos para min. A derivada futura non a podo imaxinar. Pero é igual de triste e dolorosa. A crónica dunha frustración, que nos vai custar superar. En gran medida, tamén a crónica dun fracaso. Quixera pensar que, como nas catarses do teatro da antiga Grecia, destas sacudidas podemos deprender algo.

¿Onde estaba vostede o día en que o Parlamento de Cataluña proclamou unilateralmente a independencia da nación catalana? Acabo de incorporar estoutra estampa á miña biografía persoal