Klaus Bochmann en Galicia

Xesús Alonso Montero
Xesús Alonso Montero BEATUS QUI LEGIT

OPINIÓN

27 oct 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

O profesor Klaus Bochmann (Dresde, 1939) foi catedrático de Lingüística Románica ata o ano 2004 na Universidade de Leipzig, onde promoveu e prologou, no ano 1984, a tradución alemá de Memorias dun neno labrego, que fixo a lusitanista Gudrun Hehl. Anos antes, coñecera ao autor, Xosé Neira Vilas, na Habana, e alí, na súa sabia e entusiasta compaña, visitou a riquísima biblioteca galega do Instituto de Literatura e Lingüística na Academia de Ciencias de Cuba. Desde aquelas datas, o ilustre romanista dedicoulle unha atención especial á problemática do idioma galego en traballos de obrigada consulta: En torno al problema de la normalización del gallego contemporáneo (1983), Problemi della normalizacione della lingua gallega (1985), Le Galicien, une langue doublement polynomique (1990), Valores e funcións pragmáticas dos primeiros textos en galego procedentes da Guerra de Independencia de España (1992), À l’Est comme à l’Ouest, où les extrêmes-géographiques se touchent: Galice et la Moldavie devant le problème de la langue (2000)… A semana pasada agasallounos co seu saber en tres institucións galegas: na Universidade de Vigo (sobre as Memorias dun neno labrego, día 17); no Consello da Cultura Galega (A hexemonía lingüística e os donos da linguaxe, 17 á tarde), e no Instituto da Lingua Galega (Biografías lingüísticas, 18). Este mesmo día, á tarde, visitou con emoción a casa natal de Neira Vilas en Gres (Vila de Cruces).

Romanista da vella escola -no ronsel de Meyer Lübke-, é capaz de disertar, en foros científicos, en francés, italiano, castelán e romanés (alén do alemán) e de pronunciarse, en calquera destes idiomas, sobre algunhas linguas minoritarias europeas. Ten traducido algúns clásicos modernos das Letras italianas (Pirandello, Pavese…), nomeadamente os Cadernos do cárcere de Antonio Gramsci, marxista que procede da Filoloxía e que estivo moi presente na súa conferencia do Consello da Cultura Galega.

Cando, a fins do século pasado, se produciu a reunificación de Alemaña, moitos filólogos de varios países europeos, temerosos de que o noso colega fose obxecto de represalias administrativas, fixeron chegar á vella universidade de Leipzig (daquela denominada Karl Marx) escritos de adhesión intelectual ao seu importantísimo labor. O documento galego (Constantino García, Antón Santamarina, Xesús Alonso Montero…) publicouse en La Voz de Galicia.