Señor axente!

María Canosa
maría canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

24 oct 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Parece un berro das películas antigas nos que chamar «Señor axente» era garantía de que os problemas desaparecían. Chegaba o representante da lei e asunto resolto. Imperaban as normas. Pode que unha das medidas a tomar para protexer os nosos montes sexa chamar polos axentes, forestais e medioambientais, que coidan da natureza e vixían. Porque hai leis. Podemos discutir que sexan mellores ou peores, competentes ou insuficientes, pero, cando menos, temos que facelas cumprir. Quizais sexa preciso convocar máis prazas, encher os montes de persoas que miren por eles... Poñer e manter medidas. De nada vale seguir as datas do calendario e desfacernos destes traballadores en setembro se vai calor ou non cubrir inmediatamente as baixas que se produzan, como me din desde o colectivo que así ocorre.

Eu chamo por eles: señor axente! Pero tamén pola memoria de todos e cada un de nós. Non esquezamos mañá o que acaba de ocorrer. Limpemos os nosos montes, plantemos especies que axuden a que non medre a maleza. Non deixemos o terreo abandonado. Esixámoslle durante todo o ano ás autoridades que cumpran e fagan cumprir as medidas preventivas. Que apoien o monte e rural galego, que nos axuden! Non vale de nada esquecelo ata o próximo foco devastador. Non pode saír o pobo solidario a apagar todo tipo de lumes. Porque, ademais, é un perigo. Non houbo máis mortes entre os voluntarios de milagre. Ten que saír o pobo responsable a previr os problemas. Con memoria e conciencia. E tamén con responsabilidade.