Un ancián entra na que foi a súa casa, abrasada agora polo lume. Mira ao redor como quen busca algo. Os muros de pedra están baleiros e renegridos. Cóbrese a cara coas mans e bótase a chorar. Unha anciá escoita con rostro aflixido o que a súa filla está a contarlle que pasou coa casa na que viviu tantos anos co marido xa morto. Pregunta con angustia: E as fotos? As fotos... esas fráxiles cartolinas que á xente da miña idade axúdannos a lembrar os momentos felices do pasado. E aínda máis, dinnos como fomos e como eran aqueles con quen compartimos a vida, os seres amados que perdemos, dos que o tempo vai borrando os trazos, e que só ao mirar as fotos lembramos nidiamente. Os fillos, os netos, os amigos tentan consolalos dicíndolles que o Goberno dará axudas, que volverán crecer as árbores, que Galicia volverá ser unha terra verde.
Eu percorro a miña casa, miro o bastón do meu pai, onde percibo a pegada da súa man; o cazo co que a miña avoa servía o caldo; o pano de seda que aínda conserva o recendo dá miña nai; as fotos das vodas, dos bautizos, das primeiras comuñóns… As árbores volverán ser verdes, si, pero quen lles devolverá a eses anciáns os recordos que o lume devorou, quen lles devolverá o seu pasado, a súa vida enteira que o lume destruiu totalmente.
Non son catro as vítimas mortais. Hai moitas máis. Por Deus, que non digan que previr os incendios é demasiado caro!