Carneiros que se embisten

OPINIÓN

23 oct 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Puigdemont e Rajoy cada día lémbranme máis ao carneiro do meu veciño. O que non se ve é que eixada se precisaría para que trupen contra ela e non nos amolen aos demais

A xente distingue, ao menos na miña terra, entre escornar e trupar: escornan os bois e a as vacas pero trupan as cabras e carneiros. Vacas e bois, agás excepcións, só se defenden cos seus cornos, case nunca atacan; pero os carneiros, teimosos que son, trupan con fogaxe e con cobiza, e poden deixar eivado a calquera.

Un veciño meu tiña un carneiro teimoso, que de cando en vez lle pegaba unha trupada que o obrigada a fuxir del, pois afrontalo non era doado. Un día a fogaxe foi a maiores, viuse obrigado a ir ao médico e, durante a baixa, ideou como devolverlle a tunda ao teimoso carneiro. E ocorréuselle unha idea xenial: afrontaríao e faría que a trupada fose na súa eixada, grande como a porta dun forno, que el dicía. E así foi: o carneiro embestiu contra o meu veciño pero bateu de cheo na súa eixada. O carneiro perdeu o sentido, caeu sobre as patas dianteiras, arquexando.

Puigdemont e Rajoy cada día lémbranme máis ao carneiro do meu veciño. A diferenza é que eles son como carneiros que trupan entre eles, mentres o país alporizado escorna a unha e outra banda. O que non se ve é que eixada se precisaría para que trupen contra ela e non nos amolen aos demais.

O malo de todo este conto é que, por mor de seren os dous tan teimosos -tan carneiros- os demais alporizámonos e, nun país como o noso, xa de seu tan asilvestrado, a xente, no canto de acudir ao raciocinio, colle maneiras de hincha ou seareiro deportivo, boa maneira de refugar a razón e de vivir na irracionalidade.

¿Haberá alguén que saiba, como o meu veciño, poñerlle a eses dous carneiros unha eixada, ou equivalente, para que se esnafren contra ela, queden aloulados por un tempo, baixen á realidade, á nosa, e nos deixen en paz aos demais? Non está nada claro.