Insensibles á traxedia

Ana Pontón
Ana Pontón PORTAVOZ NACIONAL DO BNG

OPINIÓN

Os Orzamentos chegan ao Parlamento en plena resaca da vaga de lumes, que nos deixa un balanzo desolador en termos humanos, ambientais, económicos e culturais. Pero nada disto aparece nas contas do 2018. Ignoran o 15-O, ese domingo negro no que o país entrou nunha situación de emerxencia nacional. Nin un euro para empezar a borrar a paisaxe de guerra que deixou o lume, para iniciar a recuperación ambiental, económica e social. Estas contas recortan as partidas en prevención de incendios e actuacións para dinamizar o rural, conxelan a colaboración cos concellos para manter limpo o monte e diminúen os recursos para protección civil de emerxencias.

Un disparate que por si mesmo xustificaría a retirada destes presupostos, retrato dun Goberno que nega que fallaron medios e previsión, que pretende ocultar a descoordinación e a incompetencia detrás dun relato falseado sobre as causas dos incendios, unhas contas públicas que retratan a un Feijoo empeñado en manter unha política forestal pirómana, en lugar de dar un cambio de rumbo para ordenar o territorio e frear o abandono do rural.

Urxe unha inversión pública para garantir as franxas de protección contra o lume en vivendas e infraestruturas, pero nin un euro consignado para esta fin. É clave rematar coa precariedade e a fragmentación dos servizos de extinción, porque só así evitaremos que a traxedia se repita, pero nin un euro consignado. Os orzamentos de Feijoo deixan sen alento a todas as persoas que pensamos que Galiza pode dar moito máis de si. Precisamos un proxecto social e modernizador da nación, un proxecto integrador que aposte por investir en saúde, en benestar, en educación pública, en lingua e cultura, en situar como prioridade combater a violencia machista destinando a esta loita o 1 % dos recursos galegos. Son uns Orzamentos de rutina, que deixan ao descuberto a un Goberno incapaz de recoñecer erros e afrontar outros desafíos, como poñer couto á precariedade e á emigración xuvenil.