Cinco datos nun «flash»

Pedro Puy
Pedro Puy PORTAVOZ DO PPDEG

OPINIÓN

21 oct 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Os millóns de euros que a Xunta gastará realmente o ano que vén serán 9.487. É a cifra límite que a Administración galega podía dedicar a gasto real, de acordo co teito de gasto aprobado polo Parlamento. Son 265 máis que no ano actual e 1.100 máis que no 2014. O gasto crecerá un 3,7 %, máis que o PIB (un 2,5 %). E farao cunha presión fiscal menor, ao manterse as tarifas nos impostos autonómicos sobre as herdanzas e a renda.

Os millóns de euros que nos aforraremos, con respecto a este ano, no pago dos xuros da débeda son 65. 180 menos que no 2014, data desde a que o endebedamento ten crecido un 12,4 %, menos da metade do que creceu de media nas comunidades.

845 son os millóns de euros que Galicia aforra, como diferenza entre os seus ingresos e gastos correntes, que aínda así medran un 2,2 %, a metade en persoal. O aforro bruto acada niveis previos á crise e, o que é máis importante: se non consideramos as operacións financeiras, o chamado aforro por operacións correntes primario ascende a 1.015 millóns de euros. Se engadimos os ingresos de capital (570 millóns), resulta que poderíamos financiar os 1.570 millóns de investimentos previstos no orzamento sen recorrer ao endebedamento. Ou o que é o mesmo: podemos dar por terminado o proceso de consolidación fiscal, como amosa o feito de que os mil millóns de saldo do aforro primario igualen os mil millóns de formación de capital.

7.118 son os millóns de euros que os orzamentos dedican a benestar: sanidade, educación e políticas sociais. Mil millóns máis que no 2014, case 400 máis que no 2017. Algo máis de tres de cada catro euros destinados á atención aos enfermos, aos que máis precisan axuda tras a crise e para mellorar a igualdade de oportunidades a través da educación pública.

2.710.607 é o número de galegos e galegas que podemos constatar, cifras en man, que as cousas pintan mellor, e que permiten afrontar o futuro con optimismo e deixar cada vez máis atrás un pasado especialmente complicado.