«Galifornia»

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

18 oct 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Aí tedes Galifornia. Que pouco me gustan esas etiquetaxes. Galicia non necesita disto. Ten entidade propia. Era verde. Agora... xa veremos. É máis California ca nunca. Ao outro lado do océano tamén loitan contra o lume. Perdoen que llo diga, pero hai cousas que teñen que ser coma sempre foron. Galicia, con chuvia. O verán con sol, o outono chamando pola auga. E despois, a primavera verde e vizosa. E hai cousas que, dunha vez por todas teñen que cambiar. Un plan de prevención. Mentres moitos se congratulaban de poder ir á praia, a min xa non me apetecía. E non é que me desguste o verán. Tamén é certo que preciso da chuvia, que vela zorregar ao outro lado do cristal me relaxa... Pero nada diso importaba. Na miña mente primaba o desasosego polo cambio de clima. E agora que? Cambiamos a etiqueta de Galifornia por ArdeGalicia? De que vale iso? Non amaña nada. E o que é peor, pode que nunca cheguemos a recuperar os montes queimados. Galicia non arde. Galicia quéimase. Queimámola. Por acción e omisión. E eu... quero a miña Galicia chuviosa. E pido que se tomen as medidas pertinentes para que siga verde.