Realidade e impotencia

Cristina Pato
Cristina Pato A ARTE DA INQUEDANZA

OPINIÓN

06 oct 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Tiña ganas de chegar ao hotel e deitarme. Entrei na habitación, tireime na cama e puxen a PBS, a canle pública e cultural dos EUA. Estaban co programa Finding your roots no que un investigador de Harvard explora a xenealoxía de persoeiros relevantes. Esta semana descubrían os devanceiros de Larry David, o co-creador de Seinfeld, e os de Bernie Sanders, o senador demócrata-socialista que puido chegar a presidente. E o caso é que, entre outras sorpresas, os dous investigados tiñan raíces no Reino de Galicia, non no noso Reino de Galicia, senón no da Europa do leste que tantos migrantes e refuxiados trouxo aos EUA a finais do século dezanove.

O Reino de Galicia e Lodomeria, que incluía varios territorios de Polonia e do oeste de Ucrania, converteuse entón no meu foco de atención, pois cando nomeo Galicia nos EUA sempre hai alguén que me pregunta se son de Polonia, e eu simplemente contesto que son da outra, da do noroeste da península Ibérica. Pero esta semana, no meu intento de desconectar da realidade atronadora de tiroteos e brutalidades aos dous lados do charco, pois pensei que aprender un pouco máis da terra homónima non me viña mal. Lin sobre os dous reinos e tamén sobre as dúas repúblicas: a República Socialista Soviética de Galicia, que existiu uns meses durante a guerra polaco-soviética do 1920, e a República Galega do 1931. Si, a nosa. Aterrei no artigo de Fernando Arrizado para Vieiros que sintetiza de xeito exemplar a nosa primeira república, esa que comezou en Ourense un 25 de xuño de 1931, que se proclamou en Compostela o 27 e que durou apenas unhas horas... E entón conectei de novo coa realidade, e a impotencia invadiu o meu corpo.