Estatuas animadas

Diego Ameixeiras
diego ameixeiras PENSAMENTOS IMPERFECTOS

OPINIÓN

En Moscova erguéronlle unha polémica estatua a Mijaíl Kaláshnikov empuñando o seu famoso fusil de asalto AK-47. A estampa mete respecto. Seguindo a lóxica militarista, xa hai quen pide con entusiasmo un monumento similar para Ígor Kurchátov, o pai da bomba atómica soviética. Que curioso o periplo existencial dalgunhas estatuas. Só alcanzan o seu minuto de gloria o día que visten de estrea ou cando son enviadas ao cuarto dos trastes vellos. As cidades están habitadas por individuos estraños que se aloxan nun pedestal. Redactaron gramáticas, gañaron unha batalla, fundaron institucións benéficas. Pero nin unha miserenta ollada lles dedicamos. En realidade son eles quen miran para nós pedindo clemencia, deprimidos no seu solitario ostracismo.

O problema reside no pedestal, nesa altura distante da súa posteridade. Non como as estatuas a rentes do chan, que pasean o seu desenfado igual que se viñesen de facer a compra. Son os veciños de bronce que sempre saúdan. Como nunha fantasía gótica, coñeceriamos a fondo a alma dunha cidade se o mito romántico das estatuas animadas se fixese realidade mentres paseamos. Descubririamos o pracer de conversar con espectros que rememorarían para nós a súa biografía perdida, e quen sabe se desa lección histórica entenderiamos mellor a xustiza implacable que lles aplican as pombas. Sería fabuloso que as estatuas botasen a andar. Cruzármonos unha tarde calquera cos pétreos Abraham e Isaac preguntando con xúbilo polo Pórtico da Gloria, liberados por fin do capricho da familia Franco.

De certo que terían unha interesante historia que contarlle á humanidade. Desmentirían ese fastío vital que lle imputamos ás estatuas dende que nacen ata que alguén invoca unha lei ou prefire unha rotonda.

Tampouco estaría mal ver nun futuro próximo a Kaláshnikov descendendo do seu pedestal. Estaba arrepentido do seu invento. Ensinaríanos agora que o mellor que podemos facer cun AK-47 é deixalo caer ao chan mentres alguén nos saca a bailar unha peza de Goran Bregovic.