12.45

Xose Carlos Caneiro
Xosé Carlos Caneiro O PAÍS DAS MARABILLAS

OPINIÓN

05 oct 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Perdín un dos lectores máis devotos desta columna: Juan Ramón, o do estanco. E non sei qué facer para recuperalo. Estaba incómodo comigo dende que non acudín a unha cita. El é puntual, responsable e a súa palabra vai á misa. Faltei porque o meu primo Gerardo tívome un día de sol ata as tres da tarde pechado no cemiterio, sen deixarme saír e contándome a historia viva e morta dos residentes dos panteóns verinenses. Eu, para recuperar ao Juan Ramón, quedei de novo con el: cada día ás dúas da tarde. Ata que a pasada semana o guasap xogou na miña contra. Tiña que cambiar a sesión co fisioterapeuta, que me arranxa as contraturas producidas polo ordenador e a cadeira (¿Quen dixo que a ocupación de escritor, tantas horas sentado, non é unha actividade de risco?). En lugar de ir ás doce, como correspondía, acudiría ás 12.45. Iso exactamente escribín no guasap: 12.45. Pero equivoquei o destinatario. Enviei a nota a un grupo de cincuenta persoas, entre as que estaba o Juan Ramón. O do estanco entendeu que mudara a hora do vermú das 14 ás 12.45 horas. E foi ao bar. Esperou media hora, tres cuartos, unha. Ata que as dúas menos cuarto dixo en voz alta: «Estou do poeta ata a coronilla. Que lo lea Borges, de mí no se ríe más». Cando se enfada mestura galego e castelán. Frunce o entrecello. E camiña de modo apresurado, como o día aquel en que comprou accións do Banco Popular a seis euros, pensando que facía a operación da súa vida. Á tardiña quixen pedirlle perdón. Non me deixou abrir a boca. Tiña os recortes dos meus artigos en tres carpetas. Todos ben colocados, como se fosen alfaias preciosas. Marchou e deixou as carpetas na mesa. Eu, para que me perdoe, só podía escribir esta columna.