A súper ditadura de Corea

María Canosa
MARÍA CANOSA PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

24 sep 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Existen ditaduras e despois está o goberno da República Popular Democrática de Corea, que xa ten narices a cousa, poñerlle o cualificativo democrática a este réxime. Kim Jong-un. Ese é o nome de quen rexe no país. Un home que debera aterrarnos, pero non só polas 22 bombas atómicas que din ter no seu país. A saber quen sabe a verdade. Eu xa non me fío de nada.

Todo en Corea me asombra. Comezando pola fotografía do impoñente hotel Ryugyong, de 105 pisos, en forma de nave espacial, ou cohete, ou pirámide futurista. Destaca sobre a néboa que cobre o ceo. Non sei quen se hospeda nese punto da capital, pero alí todos está divididos por castes segundo a fidelidade ao réxime.

Un desacato político pode levar ao cárcere a tres xeracións da familia. Hérdanse as faltas! Pero o peor é que un delito deste tipo pode ser absterse de votar, nunhas eleccións, todo sexa dito, no que hai un único candidato e un pode elixir entre o si e o non. Obviamente, decantarse pola segunda opción constitúe traizón. É o terceiro país máis corrupto do mundo. Pero esta súper ditadura controla ata os cortes de pelo de homes e mulleres Si, o que len. Hai distintos estilos oficiais que, por suposto, define o Estado.

Os cidadáns (salvo funcionarios ou militares) non teñen permiso para posuír un coche, teñen que usar transporte público. Cando menos, agardo lles deixen transitar polos 724 kilómetros que hai de estradas asfaltadas. Os restantes 25.000 existentes non o están.

Que ricos somos, na sosa liberdade.