Os nenos do Bierzo


Presidente da Real Academia Galega

Nenos e nenas, por suposto. Arredor de mil familias, segundo o Instituto de Estudos Bercianos, falan e manteñen a lingua galega nesas terras fronteirizas, a vella provincia, a patria do padre Sarmiento e de Antonio Fernández Morales, que os pasados días 15, 16 e 17 fomos visitar, convidados polos concellos de Ponferrada, Vilafranca e Cacabelos, e mais por diversas asociación culturais e cívicas: o Consello Comarcal, o devandito instituto, a comisión cultural Martín Sarmiento, o grupo As Médulas… Cumpríase o bicentenario do nacemento de Fernández Morales, nado en Astorga e finado en Cacabelos en 1896, onde está soterrado, militar de profesión, poeta de corazón, filólogo de vocación, que en 1861, un ano antes do Album de la Caridad, dous anos antes dos Cantares de Rosalía de Castro, publicou os seus Ensayos poéticos en dialecto berciano, a variante galega que se fala naquelas terras, o que constitúe non só unha interesantísima achega de carácter histórico á nosa filoloxía senón que o instala, por dereito de seu, nese tempo anunciador, bandeira de esperanza, que chamamos Rexurdimento.

 

Como ben din Henrique Monteagudo e Anxo Angueira o Rexurdimento da literatura galega (Rosalía de Castro, Curros Enríquez, Eduardo Pondal, Valentín Lamas Carvajal) empeza en realidade no século XVIII co Padre Sarmiento, que naceu en Vilafranca, aínda que el gustaba de dicir que era pontevedrés de nación.

O chamado Rexurdimento é un estado de opinión, de interese e actividade a prol do idioma que avanza coma un río e vai callando na práctica literaria do postromantismo e o realismo, e que se reafirma socialmente nas primeiras décadas do século XX coas Irmandades da Fala (1916). Antonio Fernández Morales, dende as terras aparentemente distantes e nembargantes tan próximas do Bierzo, forma parte desa fluencia.

Barxas, Borrés, Cacabelos, Candín, Carucedo, Carracedo, Corullón, Oencia, Ponte de Domíngo Flórez, Sobrado, Toral dos Vados, Trabadelo, Balboa, A Veira de Valcarce, Vilafranca do Bierzo… son concellos onde a lingua está viva e as familias mandan os seus nenos á escola primaria para que a fala e a memoria dos avós non se perda. Hai máis: Arganza, Fabeiro, Camponaraia, Ponferrada… Mais nos primeiros a presenza é máis notoria, non só nos nomes dos lugares, na macro e na microtoponimia, senón nas tradicións, nos contos populares, na práctica dalgúns establecementos comerciais e, sobre todo, na vida das familias, que é onde está o corazón das cousas.

Marta e Virxinia, profesoras de primaria, traballan nesas idades. Máis difícil o teñen os compañeiros de ensino medio e bacharelato. Nestes niveis a asignatura de lingua galega considerase materia optativa, con horarios case que heroicos, ás 8 horas da mañá, mesmo antes de que algúns colexios abran as portas. Disto falaremos outro día.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
17 votos
Comentarios

Os nenos do Bierzo