¡Moi bo!

Xose Carlos Caneiro
Xosé Carlos Caneiro O PAÍS DAS MARABILLAS

OPINIÓN

21 sep 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

meu primo Gerardo parece feliz estes días. Dende que Paulinho meteu o gol da vitoria en Xetafe e repetiu contra o Eibar, anda contento polas rúas de Verín: sacando peito. Ninguén daba un peso polo brasileiro cando o fichou o F. C. Barcelona. Todos os medios barcelonistas, aseguraban que o brasileiro era un mediocre polo que non se podían pagar corenta millóns. Un «abuelo», insistían. Todos menos o meu primo. Dende que soubo que o Barça fichara ao Paulinho, o Gerardo non deixaba de dicirme: «Moi bo, neno, moi bo». Eu botaba uns sorrisos porque, en verdade, o brasileiro non me parecía un xogador á altura do meu equipo. Cambiei de criterio. Un tanque, pura dinamita: Paulinho. Son pauliñista. E non mudo de opinión. O meu primo Gerardo, en realidade, sempre pensa que todo o que ficha o Barça é inmellorable. Dende Romerito, que veu para xogar un partido contra o Madrid, ata a algunha fichaxe que nin deixaron baixar do avión no Prat. Para o Gerardo todos son «moi bos». Opina exactamente o contrario cos que vai fichando o eterno rival merengue. E sen coñecelos. Sucedeu a principios de agosto, cando os medios de comunicación estaban a falar de que o Madrid seguía a pista dun dianteiro magnífico, e moi novo, do Borussia Dortmund. Chamábase Ousame Dembelé. Gerardo de seguida dixo que non servía para nada. Aos da cuadrilla parecíanos un talento que podería substituír con garantías a Neymar («¡traidor, Figo!», grita o meu primo cando o ve coa camiseta do PSG). Gerardo non deixaba de repetir: «Un paquete». A finais de agosto soubemos que o Barcelona adquirira o futbolista francés, agora lesionado. Fichamos a Dembelé, díxenlle ao meu primo. Contestou, con entusiasmo: «Moi bo, neno, moi bo».