Aprendamos aranés

Diego Ameixeiras PENSAMENTOS IMPERFECTOS

OPINIÓN

14 sep 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Xunto co catalán e o español, a pregunta que figura na papeleta do referendo do 1 de outubro formúlase nunha terceira lingua: o aranés. Mentres imos entrando no desenlace do trepidante thriller soberanista, resulta que descubrimos que en Cataluña se manexa un terceiro idioma oficial, unha variedade do occitano falado no sur de Francia. Nunca é tarde para termos noticia da diversidade. O aranés resiste encaixado no seu hábitat histórico, o Val de Arán, dende as profundidades do século XI. Voletz que Catalonha vengue un estat independent en forma de republica? Hai que agradecerlle ás papeletas que lle desen o seu minuto de gloria a esta variedade lingüística, aínda que resulte desacougante que unha alegría cultural emane dun combate político tan avinagrado. Mal asunto que un idioma se vista con connotacións alleas á súa natureza comunicativa. Pero manda a actualidade mutante do procés.

Nunca tanto se escoitou falar catalán nas televisións, nin sequera nos tempos gloriosos de Guardiola. Algo semellante ocorreu durante os anos de ETA, cando os abertzales marcaban a axenda e os informativos ofrecían clases de éuscaro con zulos e gudaris. Tamén o galego viviu a súa exaltación ultragalaica durante os días posteriores ao afundimento do Prestige. Premías o mando a distancia e xa saía alguén berrando «Nunca máis» e pedindo responsabilidades cunha soberbia gheada.

Agora asistimos á apoteose do catalán, que ocupa orgulloso o prime time. Pero sabemos que só para ilustrar unha batalla pola soberanía, igual que no seu momento houbo que adxectivar a violencia en Euskadi ou o accidente dun petroleiro, se está visibilizando unha lingua distinta do castelán nas televisións de toda España. Nun país menos cabreado coa súa diversidade, sería habitual escoitar eses tres idiomas máis alá de solemnidades patrióticas. Pero o luxo do patrimonio lingüístico peninsular, administrado nas pantallas en doses de colirio, está reservado para a política hardcore. Aprendamos aranés e sorprendamos as nosas amizades.