O principio das cousas


Presidente da Real Academia Galega

Está ben o debate. Nas redes sociais e nos espazos académicos, incluídos os despachos dos estrategos da planificación educativa. Oxalá. As Matemáticas tamén son filosofía, advírteme un lector amigo. E a Física. E a Música. Que llo pregunten se non a Pitágoras. Alguén puido entender que na marea da semana pasada presentaba unha confrontación entre as ciencias humanas ou do pensamento e as ciencias experimentais, consideradas como realidades ou disciplinas contrapostas, como se non houbese sitio para as dúas. Nada máis lonxe da miña intención. De feito, un dos meus fillos botou unha chea de tempo dubidando en que dirección orientar os seus estudos universitarios: se cara á física ou cara á filosofía. Cando lle preguntei as razóns da elección, respondeume: «Quero coñecer o principio das cousas». E decidiuse pola Física. Isto é o que pretendía salientar no meu artigo da semana pasada, porque a cuestión ten moita máis trascendencia do que parece: a procura do princicipio das cousas. ¿Sobre que esteos queremos construir o sistema educativo, a formación dos nosos adolescentes sobre todo, futuros cidadáns? ¿Con que obxectivos estratéxicos? Cando intento explicar aos meus alumnos os mecanismos de poder e control sobre os sistemas de comunicación de masas, que son os grandes construtores do imaxinario colectivo e, por tanto, dos valores dominantes na sociedade actual, boto man sempre do Mito da Caverna. Platón, coa súa parábola dos prisioneiros encadeados á parede da espenuca, condanados a percibir a realidade só a través das sombras que alguen proxecta dende atrás contra o muro que teñen á vista, explicou hai 2.400 anos a esencia da mecánica do poder. ¿Quen está detrás, movendo o foco, o lume que proxecta as sombras? ¿Quen controla a comunicación, a través da cal percibimos decote a realidade? ¿Qué grao de fiabilidade (non manipulada) ten a realidade que percibimos? Poño o exemplo de Platón e podería poñer outros: dende a visión da natureza de Demócrito e os presocráticos ata as variadas teorías do coñecemento, o concepto de liberdade (libre albedrío), a relación do ser humano con Deus, os mecanismos internos e externos do comportamento… E a Política, por suposto, que tanto preocupaba aos clásicos, porque querían ordenar a convivencia, mesmo abordando a complexidade, as deficiencias e as contradicións da condición humana. A construción da civilización (moi especialmente da civilización occidental) é un longo e apaixoante discurso para discernir a esencia das cousas, mesmo para ordenar o mundo arredor duns valores comúns, que tamén son o resultado dun proceso en construción; proceso que cómpre coñecer, explicar e ordenar dende a escola, fundamentando os seus valores e afortalando a mecánica do pensamento (que nos fai libres). Tal é a razón desta disciplina que arestora consideramos de segunda división.

 

Por Víctor F. Freixanes Presidente da Real Academia Galega

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
18 votos
Comentarios

O principio das cousas