Xa o din

Marina Mayoral
Marina Mayoral PÁXINAS SOLTAS

OPINIÓN

04 sep 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Tras o erro e as mentiras, chegou a chulería:

O conseller portavoz da Generalitat, Jordi Turull, denunciou unha «campaña de desprestixio» contra os Mossos d’Esquadra polo asunto do aviso de ataque terrorista da CIA e soltou esta frase: «Se alguén o que quere insinuar é que este atentado podíase evitar que o digan, que teña a coraxe de dicilo».

Pois xa o están dicindo: lean os comentarios que deixan os lectores nas noticias dos xornais. Non son de políticos, nin de xornalistas que reivindiquen o seu dereito para investigar e informar. Son de xente coma min, a quen lle doen os mortos que probablemente se podían evitar. Non todos, porque é moi difícil parar a alguén disposto a matar e a morrer, pero o que din, e digo eu, é que puideron ser menos, se se houbesen posto bolardos na Rambla e se atendesen aos múltiples sinais que anunciaban os preparativos dun atentado: 13 terroristas, un imán, líder do grupo, sobre o que as autoridades belgas alertaron á policía española xa no 2016, 500 litros de acetona e 120 bombonas de gas que había no chalé de Cambrils e que non son fáciles de conseguir nin camuflar e sobre todo, o aviso da CIA...

Eses sinais de perigo non se poden ignorar nin desdeñar. Así que menos chulería e que os responsables fagan o que deben facer: pedir perdón e retirarse para sempre de calquera actividade para a que se requira eficiencia no traballo e veracidade nas declaracións.