Segundo Congreso

Luís G. Tosar
Luís G. Tosar ENTRE LIÑAS

OPINIÓN

01 sep 2017 . Actualizado a las 10:58 h.

Houbo un tempo, a derradeira década do pasado século, no que a Administración autónoma propiciaba, mesmo organizaba, consontes coa RAG e o Consello da Cultura, xuntanzas arredor de senlleiras figuras da cultura propia. Daquela reinaba certa pax, alomenos aparente, as relaciós eran moi institucionais, abondaban os recursos e a promoción cultural (así se denominaba o departamento xestor da Xunta), complementábase coas partidas das dúas grandes caixas de aforros, que andaban á retesía entre elas, mesmo había achegas do Goberno central directas ós interesados (lembremos as axudas do ministerio á creación literaria nas tres linguas cooficiais). Naquela altura se multiplicaron as infraestruturas culturais polo país adiante. Nas cidades pasouse da penuria anterior á autonomía (actividade heroica, sobre todo na diáspora americana) a unha multiplicación de espazos sen ton nin son. Algo que tiña que ver, máis que con criterios de racionalidade, coa fachenda de gabochos alcaldes e corporaciós -oposición incluída-, ansiosos sempre por superar ó eterno rival. A fartura era tal, que chegou ás vilas -non só ás cabeceiras de comarca-, esixentes todas dun… auditorio municipal. A utilidade era o de menos, iso si, tiña que ser máis grande que o do veciño. Outras eran as políticas, distintos os criterios. Entón, a vontade dos que gobernaban -en materia cultural, digo- artellábase en boa medida a partir da emoción, do desexo de «facer cousas», acérrimos do «tira millas e non pares». Naquel ambiente, naquel fervor, no que as relaciós entre a Xunta e os colectivos implicados eludían, no posible, a confrontación (ata o punto de que destacados persoeiros, nada sospeitosos de simpatía co partido maioritario, foron asesores dun conselleiro), naquel 1992, celebrouse o primeiro Congreso Internacional da Cultura Galega. Nunca antes houbera tal. Un debate entre estudosos e partícipes do noso feito cultural, xuntanza de homes e mulleres do interior e das máis diversas latitudes ata onde chega «a alma invisible de Galicia, o seu proceso creativo, a súa identidade como pobo, senso inmorredoiro de noso…», en definición de Ramón Otero Pedrayo. Pasaron 25 anos e a ninguén se lle ocorreu reunir o segundo. Il será que non cómpre?