Repítese coma un esconxuro que o terrorismo xihadista non conseguirá cambiar o noso modo vida, pero sabemos que non é certo. Quen nos diría hai uns anos, cando os millennials salafistas aínda non colleran un Kalashnikov, que iamos integrar con tanta naturalidade a presenza de policías con fusís de asalto nos espazos públicos. Hai pouca poesía en cruzarte cun axente abrazado a unha arma con calibre de guerra; bastante menos en atoparte cun regueiro de cadáveres en nome dunha fe mal dixerida. E que dicir dos bolardos. Discutir sobre a pertinencia ou non da súa colocación era un debate que nin en soños podiamos pensar que algún día tería que ver coa seguridade antiterrorista. Pero velaí están, en garda permanente, coa súa solidez calada entre veciños e turistas, como esas feas xardineiras que nunca imaxinaron ser unha peza imprescindible na estratexia contra os malos. Non hai que descartar que algún día se lles renda unha homenaxe.
A noticia consoladora é que vemos apertas interculturais que nos axudan a soltar lastre supremacista, e que estamos entrando nas librarías para que nos expliquen o islam máis alá dos prexuízos de sempre. O fenómeno non é novo: a un atentado xihadista, sexa en París ou Londres, séguelle un aumento nas vendas de libros sobre cultura islámica. Haberá quen pense que se trata dunha resposta irrelevante -non parece que Lo que Europa debe al islam de España, de Joan Vernet, se estea a converter nun best-seller-, pero alenta pensar que hai xente á que se lle ocorre abrir un libro cando medio país se bota en cara o sangue dos mortos. Vendo as reaccións provocadas polos atentados e a manifestación do No tinc por, quizais haxa que recoñecer que a xihad non conseguiu alterar tanto o noso modo de vida. O hooliganismo político, ese refuxio dos mediocres, permanece inalterable entre nós. Alivia imaxinar que hai algún lobo solitario saíndo agora mesmo dunha libraría, sorteando con paso firme bolardos e xardineiras, para chegar á casa e botarse a ler contra tanta tristura.