¿Que vai pasar?

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández Prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

OPINIÓN

30 ago 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

O novo ano político xa empezou. Iso que chaman o curso político e que principia cada vez máis cedo arrincou na manifestación de Barcelona contra o atentado das Ramblas. O azaroso terrorismo fundamentalista moveu axendas e redefiniu tempos.

Despois dun ano do pacto PP-Ciudadanos e coa garantía de poder prorrogar os Orzamentos do Estado se non houbese un novo acordo, era sabido que o asunto do referendo catalán ía centrar todos os degoros. Pero todo se precipitou: argumentos, ameazas, propostas, manobras, calendarios, ate a mobilización da Diada con rei incluído. Cataluña vai ocupar todo o espazo e todas as estratexias. O que se está dirimindo é se o catalán seguirá sendo o que politólogos e historiadores deron en chamar un nacionalismo «periférico» ou se Cataluña se resituará no seu papel central con ou sen o resto do Estado español. Esa é a disputa e o día despois do atentado serviu como campo de xogo da mesma.

Non sabemos moi ben que consecuencias vai ter a precipitada anticipación de todo o escenario que ía poñerse en marcha ao longo do vindeiro mes de setembro por parte do Goberno español do PP e o catalán de Junts pel Si. O que parece claro é que na semana que rematou asistimos a unha anticipación de case todas as estratexias de ambos os dous actores. Como sempre que o azar acelera as cousas, pode haber resultados imprevistos, tácticas choídas e consecuencias inesperadas. Probablemente saberemos axiña algo disto, porque ademais dos Gobernos e as súas estratexias tamén está a xente, as persoas. E no medio, os partidos políticos e as súas accións. Non sabemos aínda que efectos terá o que pasou na acción colectiva da cidadanía catalá, nin tampouco dos partidos. Non sabemos se serviu para reforzar a sensación de fartura e agresión cultural e política da que se queixan tantos cataláns ou se afondou nos vínculos propios de momentos extraordinarios. Descoñecemos aínda as consecuencias políticas de tantas emocións colectivas.

Non sabemos se a mesura pública de Rajoy nestes días vencerá sobre a caverna cortesá na procura de algún tipo de diálogo para xestionar o día despois do referendo catalán. Pero sabemos algunhas cousas. Por exemplo, que o 24 de setembro hai eleccións en Alemaña e tamén que con case total seguridade Angela Merkel volverá gañar, así que algo vai ter que dicir sobre o referendo. Sabemos tamén que en Cataluña hai un conflito aberto entre a nova esquerda e a nova dereita catalá e que a capacidade de interpretar criticamente o que vén de acontecer vai modificar posicións e mover algúns marcos. Pero non sabemos moi ben en que dirección se moverán. Saberémolo ao longo do próximo mes.

Do que non hai dúbida é de que a suma de imprevistos xa debuxa un escenario modificado pola matanza das Ramblas e todo o que desencadeou. Dende quen foron os executores: uns mozos que pensaban integrados, ata como foron mortos pola policía. Esta pasada semana estará moi presente no vindeiro mes. Queda inaugurado o curso político. Algúns movementos invisibles foron visibilizados.