Hai uns meses un grupo de profesoras e profesores decidimos buscar apoios para que a Filosofía se manteña nos institutos. O obxectivo era moi modesto. Pretendíamos ter as sinaturas necesarias para que o Parlamento galego debata sobre o inxusto desterro educativo da historia do pensamento.
Para nós é unha cuestión de principios. Sen reflexión sobre que é pensar, para que pensar, porque non todo pensamento é válido, que é a verdade, a realidade, a acción correcta ou incorrecta… a educación dos mozos e mozas ten unha eiva importante. Un sistema educativo que despreza o pensamento ao tempo que enche de materias de unha ou dúas horas o currículo escolar pode que mellore no índice Pisa que mide se estamos formando traballadores submisos e bos consumidores, mais non mellora para nada a capacidade de análise e reflexión do alumnado.
A sorpresa veu na rúa. Veu das miles de persoas que vos achegastes a nosa mesa de cámping, das librerías, ás perruquerías e a outros establecementos e nos axudastes. Das persoas que nos contactastes pola rede porque queriades asinar. A sorpresa foi descubrir que a xente quere Filosofía nas aulas. Que lembra con cariño os debates sobre o mito da caverna da súa adolescencia. Que lembra o moito que lle axudou a clase de Filosofía a pensar doutro xeito, a darlle voltas e voltas ao que parece máis obvio. Porque xustamente son as preguntas máis simples -sobre a xustiza, a beleza, a identidade, o coñecemento- que todos e todas nos facemos as que requiren de maiores ferramentas e andamiaxes conceptuais para poder respondelas ou simplemente para volver a formulalas.
Os colexios de elite anglosaxóns manteñen a filosofía como materia troncal; tamén o bacharelato internacional que se cursa nuns poucos centros escollidos de Galiza. Este dato obríganos a unha única pregunta: para que educamos? Na educación equivocámonos tantas veces que semella que cada reforma educativa afonda un pouco máis no erro. Educar é unha relación humana, cargada de emotividade e paixón. Quen pense que o importante é cubrir nun recadro cunha linguaxe aséptica algo sobre competencias ou capacidades, segundo a moda pedagóxica, ou nunca entrou nunha aula ou o preside un burocratismo tendente á mala fe. Educar implica coñecer a quen tes enfronte, pasar tempo, enfadarse xuntos, rir. Educar implica liberar de prexuízos e medos. Por moito Internet e outras ferramentas que melloren as nosas aulas, todos quixeramos ser ese Sócrates que axuda a sacar do interior de cada alumno o mellor que leva. Para iso fai falta tempo. Se os tempos do inmediato e o efémero non casan cos tempos do pensamento, pode que teñamos que darlle unha volta ao inmediato ou acabaremos recitando citas escollidas como grande logro educativo. Se pensar estorba pode que a sociedade futura entenda o humano como un grande estorbo.
Grazas a todas as persoas que apoiades #FilosofíaSi. Agora é o momento dos nosos representantes parlamentarios. Señorías, pénseno de vagar.