Os veráns xa non son o que eran. E, neste caso, non o digo polo clima, que tamén. Deberiamos estar falando precisamente diso, do tempo, que é un tema ao que recorremos cando non sabemos que dicir ou cando temos tempo de vagar para gastar en calquera cousa, sen importarnos. Case se nos esquecen ata os incendios, mágoa que levamos uns días que nolo recordaron con contundencia. Nin Juana Rivas mantivo a relevancia coa que comezou a súa historia. E todo porque nos impoñen un tema: os atentados. Ben, o feito en si e mil cousas máis que deberamos obviar.
Porque o falar non ten cancelas, por iso nos atrevemos a xulgar se o momento de dar coñecemento de certas vítimas é o idóneo, por iso sabemos máis ca a policía e a garda civil e decidimos como deben ser a colaboración entre os distintos corpos que forman as forzas de seguridade. É máis, queremos seguilo todo coma nun videoxogo, estragando o labor policial e dando pistas aos terroristas de por onde andan na súa procura. Sabemos máis ca ninguén.
E mentres, como se incrementaron as medidas no territorio para evitar outra traxedia? Ía camiñado o outro día por unha cidade e fixábame nas rúas peonís. Unha furgoneta podería acceder sen problema, arrasando con centos de vidas nun instante. Ausencia total de vixilancia, salvo que fosen de paisano e eu non me decatase, ausencia de obstáculos para poder entrar á vía... Este é o nivel 4 de alerta por terrorismo. Eu, sinceramente, vin o de toda a vida, cando viviamos na tranquilidade do cero.