Cézanne e Zola

OPINIÓN

26 ago 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Fun ver a película Cézanne et moi coa esperanzada ilusión de asistir á profunda conversa vital e cultural de dous grandes creadores que me interesaron desde a mocidade. Refírome, xaora, ao pintor Paul Cézanne e ao escritor Émile Zola, dous xigantes, cada un no seu. Sempre pensei que a amizade entre eles, que comezou nunha escola da Provenza, tiña que dar para moito. Por outra parte, a guionista e directora, Danièle Thompson, comparecía acreditada por unha merecida boa sona.

¿Que fallou? O esencial. Que ao final non sabemos case nada de Zola, á parte de que era un escritor, e o mesmo nos pasa con Cézanne, un tipo que non se cansaba de fracasar como pintor. ¿Onde está, pois, a realidade que figura nos libros? Aparece ben caracterizado Cézanne, cuns diálogos irónicos que o retratan como persoa, pero nunca chegamos a ver o gran pintor que acabou sendo. Como se isto non importase. Parece que o relevante do filme é a calidade da atmosfera envolvente..., que envolve pouco.

¿É unha obra crítica e desmitificadora? Tampouco. En realidade é unha película que trata de ofrecer un retrato de dous intelectuais franceses de finais do XIX. Pero, claro, non eran dous artistas de medio pelo, senón dous talentos. E isto non se ve por ningures. ¿Ou non estamos ante dúas figuras cumes da cultura europea? Coido que é por este lado por onde a película esvara no cavorco. Non hai una dimensión artística. Só dous intelectuais que nin sequera falan o mesmo idioma vital e creativo. Dous tipos que se queren, pero que non funcionan como iguais. De feito, nin Cézanne se interesa pola obra literaria de Zola, nin este fai nada por entender a rebeldía artística de Cézanne. ¿Amiguiños? Si, fórono. Pero a obra de Danièle Thompson é demasiado superficial para converterse en reveladora. De certo, acariña a realidade, pero sen profundar nela.

Porque a película non pasa de ilustrar a contorna vital duns intelectuais, sen intentar desvelar o fondo creativo dos seus espíritos vigorosos, que manteñen unhas visións non coincidentes e que, ao cabo, non representan un debate. De feito, non falan o mesmo idioma, nin ven o mundo do mesmo xeito, nin lle chaman ás cousas polo mesmo nome. Pero si, foron amigos.