Estranxeiros

Cristina Pato
Cristina Pato A ARTE DA INQUEDANZA

OPINIÓN

OSCAR VÍFER

25 ago 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Chegou nunha caixa, cun par de bolsas herméticas e un botiño para meter a mostra. O obxectivo era obter un dato científico sobre a miña identidade a través do meu ADN, e a mostra era dos meus cuspes.

Non era unha pregunta existencial, (ogallá puidese solucionar esas coa saliva), era pura curiosidade, xa que levo máis da metade da miña vida falando de Galicia e do que significa ser gaiteira e galega, e de como a nosa identidade cultural é tan forte que sobreviviu a todos os factores externos e invasivos. Ao nacer e crecer na terra e vir de xente do campo, unha nunca se cuestionou de onde viñan os seus devanceiros, pero como esa é unha pregunta habitual nos Estados Unidos, pois a meirande parte dos estadounidenses teñen raíces noutro lugar; cando a pregunta viña dirixida a min, sempre respondía: «A miña familia é 100 % galega».

Descubrira estes tests cando a National Geographic e IBM lanzaron a ferramenta chamada The Genographic Project, na que a través da exploración do seu propio ADN, os estudantes poden aprender de xeito profundo e personalizado o impacto dos movementos migratorios na sociedade actual.

Cuspín, metínno nun sobre e mandeino ao laboratorio, e o meu mapa xenético foi revelador: 47 % grega/italiana, 21 % da Europa central, 12 % da Irlanda, 11 % ibérica, e 4 % do norte de África.

Matei a curiosidade, entendín que as nosas verdades non son absolutas, e reafirmeime no feito de que a identidade faise onde unha crece e contribúe, pois as razóns da migración son múltiples e no fondo todos somos de ningures. Como dicía Todorov: «O estranxeiro non só é o outro, nós mesmos o fomos ou o seremos, onte ou mañá, ao azar dun destino incerto: cada un de nós é un estranxeiro en potencia».