Ditaduras e ditadores

Inma López Silva
Inma López Silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

22 ago 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

«Convencéronme grazas a unha botella de whisky e a que entendín que non podía deixar que a desmemoria pasase sobre os crimes da ditadura». Iso contábamo Ricardo, un dos xuíces que, en 1985, xulgou as juntas militares da ditadura arxentina, esa dos desaparecidos, a dos adolescentes encarcerados, a das torturas. Ricardo Gil Lavedra é hoxe un respectadísimo señor na Arxentina, e está convencido de que, de non ser porque o seu país soubo aproveitar o furor democrático para non deixarse esquecer, o consolo quedaría pendente. «Igualito que en España», dixo alguén. Mentres, na mesa do lado unha rapaza facía un selfie roubado para contar no Instagram que estaba ao pé dun heroe nacional. E eu trataba de apartar de min a visión dos herdeiros do ditador celebrando vodorrios en Meirás, a poucos quilómetros das cunetas de Sada.

 

Igualiño, si, a esta España que tivo medo de axustizar a súa ditadura e só soubo aprobar unha Lei de Memoria Histórica descafeinada que non se cumpre. Igualiño a isto de converter nunha serpe de verán o debate sobre o que significa a simple existencia de algo chamado Fundación Nacional Francisco Franco. Igualiño a pensar que a súa financiación pública pode tratarse coma se trata o malestar provocado por uns ovos contaminados en Holanda. Igualiño a aturar as provocacións dos líderes profascistas. E pregúntome onde están os fiscais tan dados a actuaren de oficio cando se publica un tuit sobre Carrero Blanco. Pregúntome por que non pasa nada cando se profana a memoria das persoas que aínda viven e aturan que non se recoñeza que a súa vida se truncou.

Deberon de se exiliar na Arxentina os que aquí poderían facer as cousas un pouco ben.