Con Antonio Machado

Xesús Alonso Montero
Xesús Alonso Montero BEATUS QUI LEGIT

OPINIÓN

18 ago 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Teño visto e oído, na miña dilatada existencia, algunhas manifestacións intelectuais de barbarie; ningunha, ata onde recordo, tan superlativa como a protagonizada, no Concello de Sabadell, polo partido político anticapitalista CUP, partido sobre o que nunca me pronunciei. Fágoo hoxe, coa auctoritas, se algunha teño, de que eu, desde hai décadas, estou convencido de que o capitalismo -como filosofía moral e económica- é algo intrinsecamente inicuo, nomeadamente o capitalismo dos nosos días. Así pois, compañeiros, estamos, dalgún xeito e nalgunha medida, entre camaradas.

Pero camarada da causa do ben, da filantropía e da fraternidade esencial, ademais de camarada na loita polas causas xustas, foi Antonio Machado, non só un dos grandes escritores europeos do século XX (como poeta e prosista), senón un cidadán egrexio, exemplar e abnegado que, como o noso don Manuel Leiras Pulpeiro, «amou a verdade e practicou o ben». Se Cataluña (que é máis que Sabadell) borra o seu glorioso nome como título dunha rúa, dun carrer, Cataluña abdica da filantropía, da fraternidade e das causas xustas, os únicos valores polos que paga a pena vivir en Barcelona, en Madrid, en Santiago, en Perpiñán ou onde for.

Tamén abdica do valor da solidariedade, como saben os bos lectores da prosa de don Antonio Machado, quen, o 6 de outubro de 1938, en plena Guerra Civil, cando caían as bombas fascistas sobre o territorio catalán, publica un artigo en La Vanguardia no que nos comunica: «En esta egregia Barcelona [...] gusto de releer a Juan Maragall, a Mosén Cinto [Jacinto Verdaguer], a Ausías March, grandes poetas de ayer, u otros, grandes también, de nuestros días». Hai máis alfaias na cita de don Antonio, por exemplo: «¡Qué bien nos entendemos en lenguas maternas diferentes...!».

Cómpre supoñer que un dos poetas «de nuestros días» era Carles Riba (1893-1959), a quen, por certo, homenaxeamos na Universidade de Compostela no I centenario do seu pasamento e no que pronunciou a conferencia inaugural o profesor Joaquim Molas. É o Carles Riba que, en xaneiro de 1939, acompaña a Machado (e á súa familia) no éxodo a Francia fuxindo da barbarie do exército franquista e dos seus mercenarios. Xa en Cerbère, o día 27, don Antonio, morto de frío, disponse a tomar un café quente para o que terá que empeñar o seu reloxo de ouro, herdo entrañable dun devanceiro. Impídeo Carles Riba, que non só paga a consumición senón que lle achega unhas cantas moedas.

Serán os da CUP capaces de arremeteren contra o gran Carles Riba por emitir un elemental xesto humano cara ao españoleiro e criminoso poeta Antonio Machado?

Un amigo meu, lector de Juan de Mairena, cando tivo noticia deste triste episodio antimachadiano, aturuxou: «Anticapitalistas do mundo enteiro, documentádevos!».

Se Cataluña (que é máis que Sabadell) borra o seu glorioso nome como título dunha rúa, dun «carrer», Cataluña abdica da filantropía, da fraternidade e das causas xustas