Agosto profundo

Diego Ameixeiras
Diego Ameixeiras PENSAMENTOS IMPERFECTOS

OPINIÓN

Está vindo un verán raro. Rarísimo. Quixemos asistir á despedida apoteótica de Usain Bolt e apareceu en escena Justin Gatlin, o malo da película co seu estigma de anabolizado. Peor resultou o relevo, con esa lesión na perna esquerda. Queriamos ver a Bolt cabalgando pola última recta e o reggae triunfal acabou nun baile á pata coxa que doeu nos sofás de medio planeta. Hai algo estraño na atmosfera deste agosto profundo. Inventamos unha palabra excéntrica, turismofobia, e aínda non sabemos ben a quen poñerlle mala cara, se ao turista macerado en cubatas que vomita no noso portal, ou ao hostaleiro convencido de que toda revolución comeza actualizando os prezos. Que raro todo, este verán. Aos veciños dos barrios históricos está torcéndoselle o bico como cando Eskorbuto cantaban Las multitudes son un estorbo. Igual están os oitenta de volta, coa súa áspera estrañeza, e aínda non nos demos conta. 

O verán está saíndo raro porque os veráns xa non son como antes, cando nos deixabamos vencer polo spleen baudelairiano e aburrirse tiña un prestixio felino, con aquel tedio que nos concedía unha sabedoría clandestina mentres viamos a película das nubes. Este verán está vindo confuso porque andamos contradicindo arreo a sustancia do seu tránsito, que consiste en pechar o foco no presente e despreocuparse das follas mortas do outono. Haberá quen diga que a culpa é dos independentistas cataláns, que en agosto están desexando outubro e acaban por contaxiarnos a ansiedade. Pero tanto ten. O verán vai quedando raro. Rarísimo porque os peregrinos en Santiago queren que os conviden a comer, e porque aínda hai que explicar a estas alturas que Juana Rivas somos todas. O heroe máis estraño destes días vai ser un botswaniano baixo a chuvia, ese ídolo para sempre que é Isaac Makwala, obrigado a correr unha serie dos 200 metros contra a soidade de estar vivo. Atravesou a meta e vímolo desmentindo un virus estomacal mentres Londres se emocionaba máis que con Dunkerque. Que verán raro se puxo esa tarde.