«América last»

María Xosé Porteiro
María Xosé Porteiro HABITACIÓN PROPIA

OPINIÓN

JONATHAN ERNST | Reuters

14 ago 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Tornar a debilidade en virtude é o que está a facer Donald Trump, reconvertido de líder con mirada introspectiva cara aos recunchos máis perdidos do seu inmenso país, a se subir máis unha vez a algunha gárgola gótica para albiscar o mundo, vestido de Batman, e ocuparse dalgunha ca outra guerra mundial, porque a paz aburre, non é noticia e non xenera lucro inmediato.  Chegaron moi axiña os tempos de «América last», cun caixón onde se lle acumulan os fracasos á hora de sepultar a xeira Obama mentres medran a violencia do supremacismo de extrema dereita e o retroceso nos dereitos civís. As feblezas na política interna resólveas -dejà vu da política USA- acudindo ao escenario mundial para demostrar un poderío baseado, preferentemente, nas dimensións dos mísiles en pleno exercicio da xefatura maior de tódolos exércitos. E se fose certo que somos o que odiamos, non é de extrañar que os obxectivos internacionais para Trump sexan líderes de opereta en cadanseu estilo. Se se quixesen procurar persoaxes máis grotescos habería que fabricalos por encarga, incluido el mesmo. Alén diso, e como argumento de valor, Corea do Norte e Venezuela teñen en común que representan -ou lembran xa difusamente- a enemistade histórica entre capitalistas e comunistas que se deseñou na guerra fría, mesmo sendo a día de hoxe muxicas comparadas coas lapas do que foi o grande imperio liderado pola URSS. Nas Américas, Cuba hai tempo que deixou de ser críble -ou temible- entre outras cousas porque alén de posición xeoestratéxica, nada ten para ofrecer a algunha potencia que lle dea respiro económico; México só lle serve para alimentar xenofobia; Colombia é un aliado perfecto; a esquerda vai de peor en peor canto máis ao sur se mire e, arestora, Venezuela ocupa moi ben o territorio do famoso patio traseiro á hora de gañar posicións, encher o peto ou teatralizar e amagar coa forza do máis forte. Por se fose pouco, o estado bolivariano ofrece reservas inesgotables para a economía dos combustibles fósiles que promove Trump. Na outra beira, en perfecta triangulación co preferente espazo de tensión bélica que resulta ser o Pacífico, está o retrouso coreano do Norte, onde se demostra que o ollo do grande irmán non da entrado en todas as xanelas, sobre de todo, nas que están pechadas a contaminacións externas. A cousa daría para rir de non ser porque, se cadra, entre tanto xogar ao póker, de farol en farol, alguén poda trabucarse, convertir esta festa de necios nunha ameaza real, e confirmar a postverdade trumpiana de que o cambio climático non supoñerá o fin desta nosa civilización porque abonda coa poderosa estupidez humana para facelo todo moito máis a presa. Como decía a o vello mariñeiro, haberá que deixar ir ata ver o que pinten Rusia e China neste cúmulo de despropósitos apocalípticos porque Europa, agachada no seu propio embigo, pouco chío vai dar.