Aurora Bernárdez


Presidente da Real Academia Galega

O escritor arxentino Julio Cortázar visitou Galicia dúas veces polo menos, no ano 1956 e en 1957. Segundo Fernández Naval, que estudou estes aspectos da obra do Gran Cronopio, di que case que está en condicións de documentar algunha visita máis, sempre da man da súa primeira muller, Aurora Bernárdez Novoa (Bos Aires, 1920-París, 2014). Julio e Aurora coñecéronse nun café da rúa Florida a pouco do escritor publicar un dos seus primeiros relatos, Casa tomada.

Tiña ela 28 anos e Cortázar 34. Casaron pouco tempo despois en París e o matrimonio durou ata o ano 1968, aínda que a parella mantivo a amizade e a lealdade ata o final. De feito foi Aurora quen recibiu o legado de Cortázar e a ela debemos que unha parte desta memoria estea depositada no CGAI (Centro Galego das Artes da Imaxe): arredor de 3.000 fotografías e filmacións en Super8 que o escritor realizou en vida.

A editorial Alfaguara vén de publicar El libro de Aurora. Textos, conversaciones y notas, da man de Philippe Fénelon e Julia Saltzmann, recuperación dunha personalidade culta, intelixente, extraordinariamente xenerosa, que, como tantas veces sucede, viviu ao carón dun home máis popular, ou con máis relevancia social, o que a decidiu a deixar a súa capacidade creativa nun segundo plano. «Con dous escritores en casa, abonda», dicía.

O recoñecemento veulle polas traducións: Flaubert, Faulkner, Nabocov, Lawrence Durrel, Calvino, Simone de Beauvoir, Sartre, Paul Bowles… «A miña primeira lingua foi o galego», recoñece. «De nena trouxéronme ás terras de Galicia, unha aldea na provincia de Lugo, que era a terra de meu pai, e alí deprendín as miñas primeiras palabras». Non podo deixar de pensar en Nélida Piñón que tamén viviu unha parte da infancia en Borela (Cotovade). «E durante a miña adolescencia, na miña casa do barrio de Almagro e logo en Caballito», engade Aurora, «vivín sempre rodeada de galegos, que falaban galego e tiñan pola cultura galega unha alta consideración».

O irmán maior, medio irmán en realidade, por parte de pai, era o poeta galego-arxentino Francisco Luis Bernárdez, colaborador na revista Nós, autor dunha meritoria obra en galego e castelán na Arxentina (Premio Nacional de Poesía, 1944), a quen estudou e editou recentemente Luis González Tosar, tamén porteño de nacemento. ¡Son a nación dos galegos de Buenos Aires, da que tantas veces falamos! Aurora Bernárdez é outro exemplo. Por ela Cortázar relacionouse con Luis Seane, con Dieste, con Colmeiro, con Ramón Chao, con Leopoldo Novoa sobre todo, a quen moito visitaba nos últimos anos no estudo que o pintor tiña en París.

Hai un poema conmovedor no libro no que Aurora fala da súa avoa, que sen avisar deixou todo en Galicia e veu dende San Amaro (provincia de Ourense) a atender a filla cando soubo que quedara viúva na capital arxentina. A filla (a nai de Aurora) viu entrar pola porta unha señoriña de negro, e non a recoñecía.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
14 votos
Comentarios

Aurora Bernárdez