Obesidade e acoso escolar


Seguen a medrar, de xeito alarmante, os índices de sobrepeso e obesidade infantil, nos que tanto Galicia como España están mal posicionadas. Segundo os datos que veñen de facer públicos a Consellería de Sanidade e o Complexo Hospitalario Universitario de Santiago, ditos indicadores triplicáronse desde hai 38 anos. Hoxe, un de cada tres alumnos, en ensino obrigatorio, padece sobrepeso ou obesidade e como consecuencia ten unha baixa condición física.

Por moito que se intenten buscar outras causas, desbotando a enfermidade, só hai tres: mala alimentación, hábitos de ocio sedentarios e falta de exercicio físico. No marco da permisividade como moda, moitos pais deixan que os fillos coman o que queiran e estes optan polo camiño máis satisfactorio: abusan de azucres e graxas e prescinden de alimentos esenciais para o crecemento normal e o control do peso. Aquí a educación, como en tantos outros casos, debe comezar practicamente no berce, acostumando ao fillo a todo tipo de sabores e inculcándolle hábitos de alimentación sa e racional.

O ocio dos rapaces cambiou radicalmente. De xogar ao aire libre, con gran gasto de enerxía, pasaron a permanecer horas e horas diante o móbil, do televisor ou dos videoxogos. Estas actividades, de xeito esaxerado, van contra natura, pois o neno, polas súas propias características psicofísicas, necesita xogar en espazos abertos con forza e dinamismo. Dominar as habilidades motoras esenciais e evitar a gordura son obxectivos que se conseguen inconscientemente.

Tampouco se fai deporte con constancia e entrega. O rapaz dispón de moi bos equipamentos, como chándales, zapatillas ou traxes de artes marciais, pero nunca se acaban gastando de verdade e cámbianse máis en función da moda ou do capricho que do auténtico uso. As que si se espremen ao máximo son as novas tecnoloxías. Os videoxogos ou os móbiles botan fume, pois con eles si que hai constancia e entrega.

As consecuencias sanitarias da obesidade son ben coñecidas, pero non ocorre o mesmo coas educativas, a pesar de que a súa gravidade vai en aumento. Os alumnos con problemas de exceso de peso teñen máis probabilidades de sufrir acoso escolar ao converterse en vítimas fáciles de burlas e humillacións. As secuelas psicolóxicas, como perda da autoestima, trastornos emocionais ou depresión, poden ser graves e ter como resultado unha importante baixada no rendemento académico. Se o neno non consegue adelgazar, chegará a unha etapa moi delicada, como é a adolescencia, cun alto risco de fracaso escolar.

Administracións públicas, medios de comunicación ou asociacións especializadas deben planificar con urxencia un plan de loita contra a obesidade infantil. Pero a maior responsabilidade corresponde á familia, pois é suficiente co sentido común para darse conta de que un fillo que come e fai o que quere, está abocado a todos estes males. En calquera caso, xa dixo o sabio que o sentido común é o menos común dos sentidos.

O ocio dos rapaces cambiou radicalmente. De xogar ao aire libre, con gran gasto de enerxía, pasaron a permanecer horas e horas diante do móbil, do televisor ou dos videoxogos

Votación
13 votos
Comentarios

Obesidade e acoso escolar