Vemos arder os montes de Verín e vennos á lembranza o lume de Pedrógão en Portugal, coa súa dramática revelación do que pode pasar nun territorio cando perde a súa función produtiva, e pasa a ser xestionado non polo home, senón polo abandono e o lume. O que non xestionemos nós como sociedade, o xestionará o lume. Esta é a incómoda verdade coa que Pedrógão nos confrontou. Coa advertencia de que non vale adiar os problemas e deixar medrar o abandono, a acumulación incontrolada de biomasa.
Se o abandono foi a principal causa da traxedia de Portugal, está claro que o remedio estará en que o territorio volva a ter función produtiva. Na paisaxe teñen que seguir existindo prados, cultivos, terras de labor, de xeito que rachen coa continuidade do combustible en grandes superficies, facendo imposible que ocorran estes grandes lumes, ou alomenos facendo que sexa posible apagalos cando por calquera causa se inicien.
A prevención do lume só se pode conseguir realmente ordenando o territorio, facendo cumprir a lei nas distancias de plantación ás vías de comunicación, infraestruturas e ás casas (de xeito que se poidan utilizar como refuxios seguros), e mellorando os protocolos de actuación e intervención. Esta é a medida fundamental, e sen ela fracasarán todos os intentos e o problema desbordaranos no inmediato futuro. Seguindo os ditados do sentido común, concluímos que só si segue sendo viable a agricultura e a gandería, será igualmente viable o noso monte, e o noso espazo rural.
A única alternativa á agricultura e a gandería son unha mellor agricultura e unha mellor gandería. Aprendamos a lección.
Pero para iso hai que ver o mundo rural como un todo, social e economicamente viable. Non haberá habitantes sen actividade produtiva, e esta é a única barreira que nos dará una protección estrutural contra o lume. O tempo acúrtase para tomar decisións en Galicia: aproximadamente o 50 % do noso censo actual de agricultores e gandeiros acadará a idade de xubilación nos próximos 7 anos. ¿Se está a facer un marco legal para que toda esa superficie agraria, que vai cesar na actividade, poida quedar en activo, e non se abandone ao mato, e ao lume? Porque non chega con prohibir a súa automática forestación dende a lei, hai que ser moi proactivos para conseguir que cheguen ás explotacións que queden en activo, facendo algo realmente novo para impulsar a mobilidade de terras, o banco de terras, os arrendamentos, os acordos privados de concentración. Doutro xeito esas fincas pasarán a engrosar a bomba de tempo do abandono e a acumulación de biomasa, esperando a que salte a chispa para desencadear a catástrofe.
E hai que conseguir que siga habendo servizos no Medio Rural para que a xente poida vivir nel cos estándares deste século XXI. Hai pouco soubemos que as liñas de autobuses nas contornas urbanas de Galicia se subvencionan anualmente con 35 millóns de euros, e con cero euros para as do rural, pretendéndose pechar centos de liñas ás nosas aldeas por suposta falta de rendibilidade. Nos enteramos tamén da retirada de médicos e pediatras dos concellos de Entrimo, Bande e Lobeira, do peche da grupo escolar de Monte Caxado para o próximo curso, e poderíamos seguir con outros exemplos que nesta «lexislatura do rural» van exactamente na dirección contraria da debida.
¿Aprenderemos a lección? ¿Seremos capaces de tirar as conclusións que nos leven a iniciar o camiño da sustentabilidade social e ambiental do noso rural? ¿Ou seguiremos a aparentar que se xestiona mentres damos pasos e carreiras para achegarnos un pouco máis cara o abismo? Non sobra o tempo e hai que abordar o problema en toda a súa complexidade e profundidade, sen perder o tempo en debates secundarios que nos desvían do verdadeiro obxectivo.