O tren a Galicia


No Atlas de la alta velocidad española, publicado pola Fundación de los Ferrocarriles Españoles, na que participan Renfe e Adif , ademais do Ministerio de Fomento, congratúlanse polos avances do sistema ferroviario español. 

O libro celebra os 25 anos da chegada do AVE a Sevilla e compréndese o entusiasmo, pero tamén se deduce que os responsables da publicación viaxan pouco a Galicia. Citan, como exemplo do progreso, que en 1942 levaba dezaoito horas chegar desde Coruña ou Vigo a Madrid. Agora tárdanse seis horas e media. É unha gran melloría, pero, se o comparamos coas dúas horas e trinta minutos do Madrid- Sevilla, a cousa xa empeza a resultar fastidiosa.

E non se trata só do tempo, senón da calidade da viaxe. Fálolles por experiencia porque acabo de sufrir o traxecto Madrid-Lugo. Nun tren que sae ás 13 horas e chega ás 19.26, o lóxico sería un servizo de restauración e non os bocadillos da cafetería, que son peores e máis caros que a comida que os viaxeiros, con toda razón, traen das súas casas e que converten un vagón de preferente nunha romaría campestre con cheiros e restos de tortilla, filetes empanados, ensaladas, gazpachos e froitas variadas. A isto únese que parte da viaxe hai que facela en contra da marcha, e cun troupeleo tan forte dos vagóns que desprazarse polo corredor é un verdadeiro exercicio de equilibrio.

Alégrome dos avances ferroviarios cara ao sur, o este e o nordés, pero que non nos tomen o pelo aos galegos citando as dezaoito horas de 1942.

Votación
46 votos
Comentarios

O tren a Galicia