Quen se lembra do «Torrey Canyon»?

Francisco Díaz-Fierros TRIBUNA

OPINIÓN

-

02 ago 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Neste ano cumpríronse cincuenta anos do afundimento do petroleiro Torrey Canyon no sur de Inglaterra. Era un superpetroleiro con pavillón liberiano que, por unha mala manobra, encallou e verteu 120.000 toneladas de cru. Esta marea negra que anos despois, para a nosa desgraza, chegamos a coñecer en varios episodios tan de preto, foi parar ás costas británicas e francesas, nas que morreron máis de 15.000 aves mariñas e as súas consecuencias ecolóxicas sobre os ecosistemas litorais foron incontables. 

Bouza

Era o primeiro dos grandes accidentes de vertido de petróleo no mar en Europa e a falla de planificación e improvisación foi a tónica de todas as medidas que se tomaron para o seu control e mitigación. O primeiro ministro inglés Harold Wilson mesmo chegou a autorizarlle á RAF que bombardease o petroleiro e as máis de 10.000 toneladas de deterxente que se botaron para dispersar o cru ao final xeraron máis problemas que solucións.

En Galicia, os xornais deron puntualmente a noticia e comentaristas como Cambre Mariño, na Revista de Economía de Galicia, sinalaban que: «Si un desastre similar al del Torrey Canyon se produjese en las proximidades del litoral de Galicia, los efectos perniciosos serían mucho más acentuados que los sufridos por Francia e Inglaterra…». Aínda así, a pouca sensibilidade ambiental daqueles tempos permitía que, inmediatamente despois, propuxese a creación dun superporto de petroleiros en Vigo.

O repaso das páxinas desta exemplar revista, así como dos xornais, amosaba que naquela altura o sentimento dominante era o de que esta terra non debía perder unha vez máis o tren da economía, para o que podía servir calquera tipo de industria ou actividade económica. Pero a realidade é teimuda e poucos anos despois os accidentes do Polycommander nas illas Cíes e, sobre todo, o Erkowitz na ría da Coruña, viñeron amosar ás bravas que non todas as actividades tiñan a mesma influencia sobre algo que se comezaba a chamar «o medio ambiente».

Este último accidente, coa carga de praguicidas que verteu, foi posiblemente, pola súa transcendencia e difusión, o primeiro problema ecolóxico que chegou a callar na opinión pública galega e que deu orixe a numerosos comentarios e a algunhas actividades de sensibilización promovidas polos grupos máis comprometidos. O espectro dos praguicidas que puxera en circulación Rachel Carson coa Primavera silenciosa comezaba a manifestarse e, fronte a eles, estaba a nacer unha nova sensibilidade ambiental que, como tantas outras cousas en Galicia, chegaba polo mar.

Despois virían as catástrofes do Urquiola, o Andros Patria, o Cason e o Aegean Sea, rematando no ano 2002 coa desfeita do Prestige, que toldou de chapapote toda a nosa costa e puxo en pé á sociedade galega contra un encadeamento de actuacións improvisadas ou sen sentido ningún. Ficou mancada a beiramar pero tamén a dignidade dun pobo que berrou cunha soa voz o «Nunca máis!» dese alento profético que polo de agora semella que se está a cumprir. Desde aquela fóronse tomando, con atrasos e vacilacións, medidas preventivas, como a mellora do corredor de Fisterra e a construción do porto refuxio de Langosteira que, malia os seus problemas de accesibilidade, xa leva acollido dous petroleiros en apuros. Será certo que nunca máis?