Maus de bronce

Luís G. Tosar
Luís González Tosar ENTRE LIÑAS

OPINIÓN

21 jul 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

in que fora un milagre!, dixen para min, acabada de asentar na Insua dos Poetas a peza escultórica de Buciños, Vento Ferido. Unha mau (non man), a dereita, coa que Manuel García Vázquez -nado en Buciños, Carballedo, 1938- simboliza o labor literario de Carlos Casares. Amigos, dende os primeiros sesenta do anterior século, nun grisallo e buligante Ourense cultural, «presidido por don Vicente Risco na tertulia do Café Parque» -como deixou dito o propio Casares-, o artista plástico e o escritor partillan o mesmo fin, a mesma mau, procurar a luz que foxe. Mau no solpor que emergulla da alma da pedra; velaí, quizais, o milagre. E así, cavilando dunhas noutras, fun escarolando o pensamento cara ó 17 de maio de 1981, no Rosedal de Palermo, Buenos Aires. Aquel mediodía do outono porteño no que o Jardín de los Poetas acolleu, exactamente a carón de Shakespeare, a Rosalía de Castro. Alí, onde «acordan para entear a eternidade, os que só adormeceron», en afortunado verso de Oliverio Girondo. Aí foi onde se obrou, xenerosamente sufragado polo Centro Gallego (hoxe intervido xudicialmente), outro milagre, da mau do escultor arxentino Juan Carlos Ferraro. Dende Galicia viaxaron Agustín Sixto Seco, polo patronato rosaliano, e García-Sabell, titular da RAG, que develaron o busto canda Eduardo Sánchez Millares, presidente do Centro Gallego e o brigadier Osvaldo Andrés Cacciatore, intendente de facto da municipalidade bonaerense. Eterno golpista da Forza Aérea que, xa en 1955, bombardeara e ametrallara a Plaza de Mayo, nunha acción terrorista na que perderon a vida máis de 300 civís, que retorceu o bico cando Sixto Seco comezou a falar en galego, recomendando, logo no seu discurso, «prudencia a los gayegos». O pasado abril voltei ó sitio (moi querido porque nel transcorreron días felices da miña infancia) e comprobei que aquela representación de Rosalía, pouco difundida a pesares da compaña, case 30 glorias literarias, é o rostro da nosa estirpe. Milleiros e milleiros de galegas emigradas, mulleres que, ó longo de dous séculos, foron, na meirande parte, criadas de servir, amas de leite, fregonas, servidume leal e analfabeta, sometidas a escarnio, tratadas, moitas, como escravas. Maus merecentes do bronce, as delas.