Irlanda no corazón

Bieito Romero
Bieito Romero O SON DO AR

OPINIÓN

18 jul 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Escribían os monxes irlandeses, no século XI, un libro chamado Leabhar Gabhala Eireann. Nel nárrase a historia das diferentes invasións que foron chegando á illa de Irlanda a través dos tempos. Fálase do percorrido de todas estas xentes, dos seus personaxes máis senlleiros, das súas batallas, e descríbese con detalle o que foi a historia de Irlanda durante moitos séculos. Segundo este fascinante documento, a día de hoxe gardado no Trinity College de Dublín, a última destas invasións foi a dos Milesians que chegaron a Galicia dende o entorno do Mar Negro e fundaron a cidade de Brigantia (A Coruña?), ergueron a Torre de Breoghán (Faro de Hércules?) e continúa a historia dicindo que dende o alto da torre de Breoghán, Ith, un dos máis egrexios fillos deste caudillo, descubriu a illa de Irlanda. O libro di tamén que os actuais poboadores da illa, despois de vencer ao anterior pobo invasor (os Tuatha De Dannan), son os descendentes dos Milesians que partiran dende Galicia. Independentemente desta fascinante historia, as relacións con Irlanda vense reflectidas nas nosas artes, literatura e música maiormente, tamén as raíces e o feito de ser territorios con características comúns confírmannos como pobos atlánticos irmáns.

Hai pouco tempo souben de catro intrépidos irlandeses que fixeron o camiño de Santiago dende Irlanda por mar, navegando nun antigo Curragh (pequena embarcación tradicional). A súa aventura, que xa duraba un ano, remataba ao pe do monte de Santa Trega, xusto onde o pai Miño entrega as súas augas ao Atlántico. Alí naufragaban, e Danny Sheehy, de 61 anos, poeta e integrante dese proxecto chamado Camino by sea perdía a vida. Dende o Miño galaico ao Tir Na Nog (Terra de eterna xuventude para os celtas), Galicia e Irlanda no corazón.

E