A pregunta de David Chipperfield

OPINIÓN

18 jul 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Apregunta non é nova, pero é a máis importante que podemos facernos hoxe como grupo humano constituído en país. É a pregunta sobre o futuro e o sustento e pode resumirse en: «Galicia está na vangarda da forma futura de producir alimentos ou no atraso máis absoluto?». Argumenta Chipperfield que Galicia escolleu unha forma de producir a pequena e non a grande escala e iso é unha vantaxe hoxe, no tempo en que a calidade dos alimentos converteuse no elemento central da produción con futuro. Obvia a produción de leite, pero atina en apreciar esa forma nosa de producir alimentos mal alcumada minifundio que, aínda que resiliente e en retroceso, apreza como vantaxe de futuro. A pregunta lévase facendo moito tempo, pero o importante é a ollada externa e intelixente de quen a fai e, sobre todo, que as autoridades políticas, aínda sen acabar de entendelo, danlle a razón. Seguramente porque este arquitecto inglés destila sabedoría, empeño e éxito. O que di vai contra toda a concepción dominante sobre en que consisten o progreso e o atraso agrario de Galicia. Pero absolutamente a favor do que fai a xente deste país.

 

Acudín á presentación da Fundación Ría, en Ribeira, levado polo amable convite e o cerebral entusiasmo de Manuel Rodríguez, pero con certo escepticismo intelectual, para descubrir a quen entenden que a forma de producir alimentos está directamente relacionada coa identidade e que é a que produce a paisaxe. Natureza transformada expresada nun agroecosistema que un bo arquitecto identifica e valora. A pregunta de Chipperfield axuda a reconciliar este país de labregos con el mesmo. Non é a pregunta do hipster neoiorquino que merca no Amish Store, senón a de quen entende ao país e ás paisanas que seguen labrando as terras para alimentar o consumo de calidade que practicamos neste país. A iso é ao que chamamos «vivir como galegos».

Hoxe, quen quere producir a pequena escala debe facelo por fóra das propostas convencionais e as axudas públicas para pasar desapercibidos, como comprobaron os investigadores da Rede Revolta analizando experiencias produtivas innovadoras. Por fin alguén dálle a razón ao que fan os paisanos; en realidade ao que facemos todos: seguir a alimentarnos con alimentos de moita calidade producidos aquí. O maior éxito recente do agro galego foi o da viticultura; baseouse nun 60 % na teimosía de centos de casas que mantiveron as súas viñas, non entraron nas concentracións parcelarias, non deixaron morrer as vellas castes e seguiron producindo para autoconsumo e para quen llo mercase (sempre había) a prezos remuneradores ao longo dos últimos cincuenta anos. Si, e logo todo o demais, claro, pero alguén seguiu cavando a viña.

Tamén teimaba no porto de Ribeira xente maior afectada pola chapuceira EDAR de Castiñeiras. Coas súas protestas dábanlle indirectamente a razón ao obxectivo estratéxico da fundación Ría. Sobre como combater o avellentamento -outro gran problema do país- non houbo ningunha pregunta. Só unha resposta elocuente ao presentar á equipa da Fundación: ningún debe pasar dos 30 anos. Quen fai algo así hoxe en Galicia? É verdade universal que só hai futuro con xente nova.