Máis de dous meses enterrado na lama e, con todo, o móbil de Diana Quer resucitou grazas ao traballo dunha empresa israelí. Esta volta á vida do aparato é tamén unha sorte de respiración asistida para o propio caso sobresido. Quero pensar que esta recuperación de datos pecha unha ameaza certa para quen poida estar detrás deste aparente e noxento crime, que, por diversos motivos, se converteu nun caso mediático, non excepcional, desafortunadamente. Gusto de calibrar o desacougo do asasino, o seu silencio alarmado ao ver a nova estoupando diante súa nas páxinas dos xornais. Talvez exista a desolada complicidade doutras persoas que, nunha conxelada inmobilidade, sintan a inminencia dunha nova traxedia caendo sobre eles por culpa dos avances tecnolóxicos. Non o sei. O certo é que todos estamos pendentes de que se reabra o caso e, unha vez máis, o posible asasino non quede sen castigo e a familia da vítima poida por fin saber o acontecido. A espera cárgase de expectación e confiamos na pegada que sempre deixan estes aparellos electrónicos, estas presenzas inquietas, estes espías que nos sitúan no mapa a calquera hora do día ou da noite, e que ás veces odiamos porque nos lembran que a privacidade é un luxo. Mais, desta volta, aplaudimos que a tecnoloxía non se alíe co crime, senón que se volva contra el e axude, unha vez máis, na resolución deste caso onde os indicios son sórdidos. De aí a importancia de que os datos recuperados sexan cruciais e delatores para que os culpables xa estean a sentir o terror consciente de se sentir atrapados. Agardemos, pois, que o móbil faga pasar á historia o crime perfecto e o tempo non fosilice a esperanza de atopar a Diana Quer, viva ou morta.