A conciencia non é para narcos

Inma López Silva
Inma López Silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

13 jul 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Algo así lle acaba de dicir vía radio Carmen Avendaño a Laureano Oubiña, que saíu en liberdade condicional e se dedica a dar que falar polos medios de comunicación, todo el soberbia e caradurez, coma sempre, repetindo que dorme perfectamente porque non ten mala conciencia de nada. Debería estar prohibido usar a liberdade de expresión e a condicional para emponzoñarte contra as túas vítimas e, á base dunha mestura entre chulería e palurdice, pensar que podes volver ao tempo no que ninguén lle tusía a un narco, cando aínda non morreran os fillos de todas e cada parque de Galicia era un outlet da droga: dos columpios aos porros, e dos porros ao cabalo e á coca. Daquela, os rapaces dos institutos do Barbanza chegaban tarde á clase porque lles daban cen mil pelas por botar unha noite na praia descargando fardos, e de súpeto era rica a súa familia pobre. Tempos aqueles en que os narcos galegos andaban de parranda cos primeiros xihadistas e cos cárteles colombianos. Pero Oubiña, que nunca se caracterizou pola súa xenialidade, descoñece aínda que el vai e nós vimos de volta. Descoñece que xa non aturamos estupideces. E sobre todo, que se nos insultan a Carmen Avendaño e o que representa, usamos con saña a rabia de ter perdido aos amigos cando non eramos máis ca nenos grandes.

Dá igual que Laureano Oubiña non teña conciencia. Abonda coa conciencia de nosoutras, esa de non aturarlle as parvadas. Porque para non admitir aos narcos entre a xente de ben e para non facerlles entrevistas, non fai falla unha sentenza xudicial.