Un oasis

Xose Carlos Caneiro
Xosé Carlos Caneiro O PAÍS DAS MARABILLAS

OPINIÓN

06 jul 2017 . Actualizado a las 00:56 h.

Resulta fascinante escoitalos. Son unha peña de xubilados que acoden habitualmente ao hospital de Verín. Con eles aprendín máis neoloxismos (palabras novas) que en toda a miña carreira de escritor e, principalmente, souben que aos hospitais non sempre acudimos cando enfermamos: porque hai hospitais que son unha segunda residencia, un oasis. Os da peña sentan na sala de consultas e gastan as horas platicando. Por alí pasan centos de persoas. Os que teñen cita en medicina interna, oftalmoloxía, cirurxía, otorrinolaringoloxía [...], agardan o seu turno de entrada. Sempre imaxinei que eles, ao ser xubilados e non estar apremiados polo tempo, ían con moito adianto ás consultas: porque nunca vin a ningún deles abrir unha daquelas portas. Eu sempre entraba antes e marchaba. E alí seguían os da peña. Para min é grato escoitalos dende o día que un deles dixo que non sabía cal era o seu «grupo sanguinario» e outro contestou: «Todo positivo». Era unha lección de optimismo. A pesar dos seus moitos achaques, non hai quen lles roube o sorriso e os seus falares. Un tivo que someterse a unha operación cirúrxica porque lle fixeron un «escaño» e resultou que padecía unha «hernia fiscal». Outro sofre problemas graves coa súa «próspera». A outro dixéronlle que só podía tomar un vaso de viño á comida e pediu á súa filla que lle comprara un ben grande, «de litro, nena, que o médico non dixo como tiña que ser o vaso». E así. Coincidiu que un deles levaba tempo sen acudir á tertulia do centro de saúde, onde imos para curarnos. Cando regresou todos se alegraron e preguntaron: «Que che pasou, Manolo?». E Manolo, o de Nocedo, contestou: «Estiven enfermo e non puiden vir». Hai hospitais que son un oasis.